Xinzo de Limia

Xinzo estende o programa do 8-M durante todo o mes de marzo e promove unha homenaxe á matrona Genoveva Vázquez Calviño

O Concello de Xinzo de Limia non agarda a que o 8-M chegue ao calendario para conmemorar o Día da Muller. A programación esténdese ao longo de todo o mes de marzo e inclúe unha homenaxe á matrona Genoveva Vázquez Calviño, quen durante máis de medio século asistiu os partos de moitas mulleres da comarca, ata a década dos 70 do século XX.

O pasado xoves, a conmemoración do 8M levouse a cabo coa inauguración da exposición de Benigno Torres que leva por título Pintar en lousa e que ten á muller como protagonista. A mostra poderá visitarse ata o día 23 de marzo na Casa da Cultura.

Este domingo, 5 de marzo, agárdase o concerto da Agrupación Musical da Limia e da Coral Santa Mariña na Igrexa Nova, e que será dirixido pola directora María Mendoza. Comezará ás 17.00 horas.

Segundo o programada elaborado polo Concello para conmemorar o Día da Muller, o 7 de marzo presentarase a campaña multimedia “As donas de Xinzo. Mulleres que escriben historia”.

O 8-M a cidadanía sairá á rúa para recoñecer a loita das mulleres pola súa participación na sociedade e instalarase unha carpa informativa do CIM na Praza Maior, dende as 10.00 horas. Organizouse unha concentración e a lectura da declaración institucional, neste mesmo punto, a partir das 12.00 horas.

O 11 de marzo comezarán as charlas con Ana Peláez, comisionada de Xénero do CERMI e vicepresidenta executiva da Fundación CERMI Mulleres, forma parte do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW, polas súas siglas en inglés) e é a española que dá voz ás mulleres e nenas con discapacidade da ONU.

O 14 de marzo presentarase o Plan de Igualdade, unha folla de ruta que planificará con medidas, indicadores e sistemas de avaliación a política de igualdade municipal durante os vindeiros catro anos.

O día 25 de marzo, para pechar o mes dedicado á muller, organizouse unha homenaxe á matrona Genoveva Vázquez Calviño e o descubrimento dunha placa na súa casa. O executivo local quere destacar o seu traballo, co que axudou a nacer a numerosos veciños.

Esta programación que se estende durante todo o mes de marzo reflexa a aposta decidida polo executivo local para dar visibilidade a esta loita social.