Xinzo de Limia

Xinzo homenaxea, recoñece e repara a un home esencial, Ramón de la Fuente Galván

Imagen de WhatsApp 2023-03-18 a las 14.58.41
Imagen de WhatsApp 2023-03-18 a las 14.58.41

O salón de plenos da Casa Consistorial de Xinzo de Limia quedouse pequeno no acto institucional no que se nomeou fillo adoptivo do Concello a Ramón de la Fuente Galván, pola súa traxectoria profesional e dedicación a favor da cidadanía. Os discursos, cargados de emotividade, coincidiron en destacar a bondade do homenaxeado, e a súa implicación con este pobo, tanto na súa faceta profesional como médico como na súa actividade política, así como promotor e colaborador, de xeito persoal e desinteresado, en diferentes accións e actividades no eido cultural e deportivo.

A todas estas facetas fixo referencia no seu discurso a alcaldesa, Elvira Lama, facendo fincapé en que con este acto institucional Xinzo de Limia reparará algúns dos momentos que o homenaxeado tivo que vivir en política: “Con este nomeamento reparamos a saída política de Ramón de la Fuente deste Concello, algo que nunca mereceu”. A rexedora lembrou que foi elixido alcalde co apoio do PSOE e do BNG e en contra do que opinaba o seu propio partido. O seu abandono da alcaldía chegou no ano 1999.

Tamén asegurou Elvira Lama que “nos que tivemos a sorte de coñecelo, deixou unha fonda pegada e na súa familia, un doloroso baleiro, nos seus amigos e amigas, en todos, unha ausencia insubstituíble”.

O concelleiro Manuel Pérez Campos, instrutor do expediente para levar a cabo o nomeamento, lembrou que a historia da comarca limiá nos últimos 50 anos está profundamente ligada á vida do médico, que morreu o 31 de outubro do 2021. Foi en 1985 cando comezou a exercer a medicina rural en Xinzo, afrontando as dificultades existentes e abrindo unha clínica que foi pioneira e un referente.

Tamén insistiu o edil noutra das grandes pegadas que deixou na Limia e que está ligada a un dos seus grandes amores: o Antela Fútbol Club. Axudou a refundalo en 1971 e o equipo comezou así unha nova andadura como federado, chegando a levantar a partir dese momento grandes paixóns.

A súa filla Gislena tamén interveu no acto para asegurar que o seu pai “estaría encantado e plenamente agradecido”. Afirmou que este é un recoñecemento a unha vida na que destacaba o amor por Xinzo de Limia: “Era un home de pobo que disfrutaba dos paseos pola vila, gustáballe a compañía das súas xentes e da natureza. Nunca falou mal de ninguén nin puxo por diante o interese particular”. Das mans da alcaldesa recibiu Gislena a Medalla do Concello.

Máis dunha trintena de familiares de Ramón de la Fuente Galván estiveron presentes nesta homenaxe e coincidiron en destacar que o seu avó era un gran exemplo de vida, porque non é o mesmo pasar pola vida que vivir, e disto último el sabía moito.