Xinzo de Limia

Xinzo outórgalle a súa medalla a Cristina Margusino polo seu compromiso co rural e a humanización da medicina

Congreso
Congreso

“O estado de benestar dun país mídese por como coidamos á poboación máis fráxil e vulnerable, que son os enfermos e os maiores”. Estas palabras da doutora Cristina Margusino evidencian a súa dedicación en prol da cidadanía. Polo seu compromiso co rural e a humanización da medicina recibirá a Medalla do Concello de Xinzo de Limia. O expediente de honra levarase á próxima sesión plenaria e trata de recoñecer a súa labor como xefa do servizo de atención primaria neste municipio e a súa contribución para facer de Xinzo un referente en atención sociosanitaria.

A alcaldesa, Elvira Lama, asegura que “esta homenaxe pon en valor o gran traballo feito a prol da sanidade na atención primaria do rural e a súa capacidade de liderar proxectos que benefician a saúde da veciñanza”.

Médica de profesión pero aínda máis de vocación, Cristina Margusino traballou no centro de saúde de Xinzo de Limia dende o ano 2011 e durante 11 anos. Nesta etapa é recoñecida e admirada polos seus pacientes, nos que deixou unha fonda pegada.

 

Neste ambulatorio foi onde puxo en marcha proxectos integrais de saúde e, no ano 2019, promoveu as Xornadas de Atención Sociosanitaria no Rural cun obxectivo principal: humanizar a asistencia médica. Cristina Margusino considera que o avellentamento e o illamento crean desigualdades nunha atención que debería ser universal: “Debe ser prioritario promover a saúde e a equidade na atención dos pacientes do rural, porque ser poucos non significa ter menos dereitos”.

Estas xornadas, que comezaron en Vilar de Santos antes da pandemia e continuaron no ano 2021 en Xinzo, evidenciaron a necesidade de establecer un Plan de Saúde Local no concello para facer a diagnose dos recursos e dar resposta ás demandas da poboación. Neste mesmo ano, as xornadas logran a Primeira Beca de Medicina Rural, un recoñecemento outorgado pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega) e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia SEMG.

No ano 2022, a doutora asiste a un congreso internacional en Irlanda, el World Rural Health Conference,  no que máis de 500 médicos e médicas de todo o mundo debateron temas da súa especialidade. Neste evento participa, xunto co seu equipo de Atención Primaria, cun vídeo que acada o primeiro premio, demostrando o entusiasmo polo seu traballo.

Pero sobre todo, o Concello de Xinzo, tal e como afirma a súa alcaldesa, valora a dedicación plena durante máis dunha década a mellorar a saúde e os hábitos de vida da veciñanza de Xinzo, así como a súa abnegada entrega a poboación limiá, en estreita colaboración co goberno local de Xinzo, durante os duros tempos da pandemia.