Xinzo de Limia

Xinzo pedirá á Xunta de Galicia un incremento de persoal sanitario e a ampliación do centro de saúde

centro de saúde
centro de saúde

A situación sanitaria no Concello de Xinzo é motivo dunha profunda e crecente preocupación entre  toda a veciñanza, especialmente despois da pandemia, e polo tanto do goberno local. Despois de meses traballando nas posibles melloras, sempre en contacto cos profesionais sanitarios do Centro de Saúde, pero tamén escoitando e recollendo as opinións e impresións de pacientes e colectivos, agora o goberno local decidiu dar un paso ao fronte ao que quere que se sume a oposición para, entre todos, conseguir que se faga xustiza sanitaria coa vila e a súa comarca, envellecida e eminentemente rural.

É por elo que o goberno local levará ao próximo pleno unha moción na que se propoñen unha serie de medidas e demandas que abarcan desde o incremento de máis especialistas ata a ampliación do propio centro de saúde.

Nas últimas semanas, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, mantivo diferentes reunións (a última onte mesmo) cos responsables sanitarios do centro de saúde, primeiro para coñecer de primeira man as carencias e deficiencias que detectan a diario, pero tamén para reportarlle, froito desas reunións, as demandas incluídas na moción que se debaterá no pleno.  

Entre outras, figura un incremento de persoal para cubrir baixas e días de descanso, pois hai unanimidade entre profesionais e pacientes con relación á escaseza dos primeiros.

A esta falta de persoal, súmase a antigüidade do centro de saúde de Xinzo de Limia e a falta de espazo, dúas circunstancias que están a empeorar de forma manifesta a atención sanitaria e cuxas consecuencias pagan directamente os veciños e veciñas.

Na moción especifícanse casos como “consultas ocupadas por sanitarios que non atenden a persoas, como é o caso dos veterinarios, mentres a traballadora social ocupa un espazo provisional no patio interior”. Tamén é destacable o caso de pediatría, xa que conta con dous especialistas pero só unha enfermeira para atender aos nenos e nenas, curas, vacinas...

Por todas as carencias e deficiencias que detectan os profesionais sanitarios no seu día a día e sofren os pacientes, o goberno local de Xinzo de Limia insta á Xunta de Galicia a mellorar as condicións de eventualidade para os profesionais do Sergas; a reformular a atención primaria coa incorporación progresiva dun maior número de profesionais de especialidades; a repoñer a praza de enfermeira de pediatría; á reforma e ampliación do centro de saúde e a ampliar a posibilidade de solicitude de probas diagnósticas por parte dos facultativos e facultativas de atención primaria, desconxestionando as especialidades do CHUO.