Xinzo de Limia

Xinzo postúlase para ser sede permanente do Certame Celtibérico de Bandas tralo éxito colleitado nesta edición

Certame
Certame

Xinzo de Limia ten moito que dicir no que se refire a música tradicional. Quedou demostrado esta fin de semana coa celebración do Certame Celtibérico de Bandas, que volveu á vila 20 anos despois cun gran éxito, tanto pola gran participación e calidade dos grupos –unha trintena de todo o país e Portugal- como polas visitas rexistradas e o impulso que supuxo para o tecido económico. Por todo iso, e unha vez demostrado que Xinzo de Limia é o escenario idóneo para a súa celebración, o concello postúlase para ser sede permanente deste evento en, polo menos, algunha das fases.

Cómpre destacar que os grupos locais triunfaron nesta edición. A Banda de Gaitas de Xinzo de Limia conseguiu o primeiro posto en dúas das catro categorías (1º e 4º grao) e Cidade de Antioquía logrou o segundo posto en segundo grao.

Tamén os músicos dunha decena de provincias de toda España e de Portugal mostraron o seu talento na primeira edición do Concurso de Gaitas&Percusión da Limia, un evento que contou con gran éxito e que tamén terá continuidade. Trátase dunha tipoloxía de concurso que demanda o público e así quedou demostrado co gran interese que espertou en Xinzo de Limia esta fin de semana.

O Certame Celtibérico de Bandas converteu o concello na capital da gaita e milleiros de persoas foron testemuñas do seu éxito. A ocupación rozou o 100% nos hoteis de toda a comarca e a súa celebración durante toda a fin de semana deu tamén empuxe aos locais hostaleiros.

 

A alcaldesa, Elvira Lama, destaca o bo ambiente que se viviu na vila dende o venres, cando comezaron a chegar os primeiros músicos, e asegura que “foi a ocasión perfecta para demostrar que o concello pode albergar un evento musical desta categoría, xa que Xinzo de Limia tamén é terra de gaiteiros”. Tamén destacou o impulso económico que supuxo para o municipio: “Temos que apoiar aos nosos comerciantes e hostaleiros ao mesmo tempo que colocamos o concello no foco internacional”. Por todo isto, a rexedora anunciou a intención do executivo local de solicitar que Xinzo sexa sede permanente do Certame Celtibérico e a continuidade, en colaboración coa Escola Municipal de Bandas e Percusión, do Concurso de Gaitas&Percusión da Limia.