Xinzo de Limia

Xinzo prolongará a celebración do Día da Muller durante todo o mes de marzo cun concerto e xornadas de sensibilización da igualdade no rural

concerto
concerto

Máis aló do 8M o Concello de Xinzo de Limia quere facer visible o seu compromiso en favor da igualdade. A celebración do Día da Muller estenderase ao longo de todo o mes de marzo nunha aposta decidida do executivo local por dar visibilidade a esta loita social. Os actos comezarán o martes coa Praza Maior como epicentro. Neste lugar instalarase unha carpa informativa sobre a sensibilización e promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, a cargo de persoal do CIM e á que poderá achegarse a cidadanía en horario de 9.00 a 13.00 horas. A partir das 10.00 está prevista unha concentración e a lectura da declaración institucional do Concello de Xinzo de Limia.

A programación continuará o día 10, cando o persoal do CIM trasladarase á Aula Cemit da Casa da Cultura para seguir sensibilizando sobre a igualdade e as inquedanzas das mulleres do rural. Será dende as 10.30 horas. A partir do día 15 a sensibilización chegará ata os locais sociais dos pobos con xornadas tamén a cargo dos traballadores do Centro de Información á Muller.

Fenda dixital, desigualdade real

Sobre a fenda dixital e as inquedanzas das mulleres na tramitación administrativa e burocrática falarase o día 24 na Aula da Escola de Saúde Rural. Trátase dun asunto que preocupa cada vez máis e que o Concello quere achegar á poboación dentro dos actos previstos para conmemorar o Mes da Muller.

Para rematar a programación, o día 26 organizouse o concerto “Converxencias”da Agrupación Musical da Limia e no que as mulleres terán todo o protagonismo. O espectáculo estará dirixido por Carmen Ferreiro, directora da orquestra do CMUS de Santiago de Compostela e María Mendoza, compositora e mestra do CMUS de Ourense. Comezará ás 19.00 horas.