Xinzo de Limia

Xinzo reafirma a súa aposta para acoller eventos multitudinarios para impulsar a economía local

OCRA
OCRA

O Concello de Xinzo de Limia volveu a demostrar a pasada fin de semana a súa capacidade de organización de eventos multitudinarios. Foi coa celebración da Copa OCRA Galicia, na que participaron máis de medio milleiro de persoas e que mobilizou a preto de 2.000. As rúas enchéronse de veciños, veciñas e visitantes que quixeron gozar da espectacularidade da proba. Cómpre destacar que o 73 % dos deportistas que competiron nas carreiras de obstáculos adaptadas a catro categorías procedían de fóra da provincia de Ourense.

A alcaldesa, Elvira Lama, valorou moi positivamente o desenvolvemento desta proba e agradeceu o esforzo de todos os participantes e a organización do Camiño Race. Tamén fixo unha mención especial a todos os voluntarios e voluntarias de Protección Civil que se implicaron para que o evento transcorrera sen incidencias, aos corpos de seguridade “e a todos aqueles que traballan moi duro para poder levar a cabo eventos como este, que dan vida e saúde económica ao noso pobo”.

Coa celebración da COPA OCRA Galicia, Xinzo de Limia fixo unha aposta polo turismo deportivo, dinamizando a economía local. Precisamente para dar impulso a sectores como o da hostalería, o Concello seguirá apostando pola organización de diferentes eventos de primeiro nivel, como tamén ocorreu no mes de marzo co Certame Celtibérico de Bandas. Cómpre lembrar que a fin de semana do 25 e 26 marzo, foron preto de 5.000 as persoas que se achegaron ao concello para gozar da música tradicional. Ao igual que durante esta última fin de semana, a ocupación hoteleira rozou o 100 % non só na vila, senón en toda a comarca e a alcaldesa, Elvira Lama, xa anunciou que Xinzo de Limia se postula para acoller, nalgunha das súas fases, o Certame Celtibérico dun xeito permanente.

Deste xeito, non só o Entroido e o Esquecemento encherán o municipio de visitantes, senón que a economía local se beneficiaría ao longo de todo ano coa celebración de diferentes eventos de gran afluencia.

As boas comunicacións de Xinzo, coa autovía e dúas estacións de AVE a apenas 20 minutos (Ourense en A Gudiña), reafirman a aposta do goberno local por seguir postulándose para acoller e organizar eventos masivo de todos os tipos.