O alcalde Amador Díaz recibe a Mireille Benedetti, presidenta da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas
Xinzo de Limia, a 20 de outubro de 2025. No marco da Asemblea Anual celebrada en Xinzo de Limia, o alcalde Amador Díaz recibiu na Casa do Concello a Mireille Benedetti, presidenta da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas, nun encontro institucional no que tamén participaron Antonio Madrid, presidente da Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas, e, en representación da A.C. Civitas Limicorum, o seu presidente Marcos Argibay e o secretario Carlos González.
A recepción serviu para poñer en valor a importancia de Xinzo como sede da Asemblea Europea, que reuniu delegacións de diversos países e consolidou a proxección internacional da vila no ámbito da recreación histórica. Á vez, destacou a capacidade organizativa da Festa do Esquecemento, referente cultural que sitúa Xinzo no mapa europeo.
Para o alcalde Amador Díaz, “ser sede da asemblea e recibir ás entidades europeas é un recoñecemento ao traballo de Civitas e á forza da Festa do Esquecemento. Xinzo reafírmase como lugar de encontro e cooperación para as festas históricas de toda Europa”.
O Concello de Xinzo de Limia agradece a colaboración da Confederación Europea, da Asociación Española e da Civitas Limicorum, e ratifica o seu compromiso en seguir fortalecendo esta alianza cultural que proxecta Xinzo máis alá das nosas fronteiras.