O Concello de Xinzo desvela os gañadores dos Premios da Cultura 2025: unha homenaxe á memoria, á cultura colectiva e á vangarda artística
-
O xurado recoñece a traxectoria do cronista Miro Cerredelo co Premio Especial e do escritor Antón Riveiro Coello nas Letras.
-
O fallo inclúe dúas emotivas homenaxes "In Memoriam": ás familias dos "Laguneros" pola súa integración socio cultural e aos veteranos das comisións do Entroido que mantiveron a festa incluso nás épocas máis escuras da ditadura.
-
A gala de entrega celebrarase o vindeiro 26 de decembro no Auditorio Ángel Cocho.
Xinzo de Limia, 10 de decembro de 2025. – O Concello de Xinzo de Limia vén de facer pública a acta do xurado dos Premios da Cultura 2025, uns galardóns que buscan recoñecer o inmenso talento, a creatividade e o compromiso social que definen a identidade limiá. Tras a reunión mantida o pasado día 5, o xurado acordou por unanimidade outorgar un total de 12 premios e dúas mencións honoríficas especiais, abarcando dende a historia e a tradición ata o audiovisual máis contemporáneo.
O Premio Especial da Cultura 2025 recae este ano en Edelmiro Martínez Cerredelo, cronista oficial da vila, polo seu incansable labor de investigación e divulgación da historia local. No eido das letras, o recoñecido escritor Antón Riveiro Coello recibe o Premio á Defensa e Promoción da Lingua pola súa brillante traxectoria narrativa e a proxección da Limia na súa obra. A tradición tamén ten un peso específico no fallo, recoñecendo aos artesáns das Pantallas: Aurora Dacal e Santiago Martínez (Arte Arrebol) e Juan López "Juanillo Antioquia", gardiáns dun oficio identitario, co Premio á Defensa da Cultura Popular. Así mesmo, Os Manda Truco reciben o premio á Creatividade Popular polos seus máis de 30 anos engrandecendo os desfiles de carrozas.
Xinzo tamén premia a súa proxección exterior e o talento audiovisual, que queda patente cos galardóns a Cecilia Perólio (Cine e TV) e ás irmás Alba e Iria Prol (Artes Visuais e Documental). No apartado musical, prémiase a innovación rebelde de Milocho Oro e Os Festicultores Troupe e a conservación da tradición cos Os Jalos d’Antioquia, que celebran o seu 25º aniversario. O Colectivo de Baile Danzón completa este bloque co Premio ao Movemento Culturalpolo seu labor formativo desde 1995. A lista complétase co recoñecemento ás Veciñas de Ganade e "As Sabelas" polo seu activismo na revitalización do rural; á histórica Tapería Cinco Rutas (Premio á Cultura Gastronómica) polos seus 41 anos como punto de encontro social; e ao deseñador José Manuel Formoso "Gory", creador dunha iconografía gráfica única para a vila.
Fóra de concurso, o xurado quixo outorgar dous recoñecementos "In Memoriam" cargados de xustiza histórica. Por un lado, aos "Laguneros", as familias chegadas nos anos 50 para a desecación da Lagoa, pola súa integración e achega á diversidade de Xinzo. Por outro, aos Veteranos das Comisións do Entroido (Premio Irene Moca), heroes anónimos que mantiveron viva a chama da festa nos tempos difíciles do século XX.
O concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, presidiu o xurado e quixo destacar a "enorme calidade humana e artística" desta edición, sinalando que estes premios reflicten un pobo "orgulloso das súas raíces, que honra a quen traballou arreo como os Laguneros ou os vellos entroideiros, pero que tamén exporta talento de vangarda ao mundo". A entrega dos galardóns terá lugar nunha gala aberta á veciñanza o próximo 26 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Ángel Cocho.