O Concello de Xinzo de Limia convoca os Premios da Cultura 2025
Xinzo de Limia, a 4 de novembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia, a través da súa Concellería de Cultura, anuncia a convocatoria dos Premios da Cultura 2025, unha iniciativa que chega á súa nova edición consolidada como símbolo de recoñecemento e gratitude cara ás persoas, entidades e colectivos que contribúen, co seu traballo constante e desinteresado, ao desenvolvemento cultural do noso municipio.
Estes premios non naceron nin foron concibidos como unha competición de talentos ou méritos, senón como un acto simbólico de xustiza cultural, destinado a poñer en valor o esforzo silencioso e o compromiso de quen, en moitos casos, non contan con outro tipo de visibilidade pública.
A finalidade principal dos Premios da Cultura é reforzar a cohesión social e recoñecer o tecido humano e asociativo que sostén a vida cultural de Xinzo de Limia, complementando o traballo continuado que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano neste ámbito.
Desde a súa primeira edición, os premios contan con bases internas de funcionamento e co apoio dun grupo de persoas colaboradoras encargadas de valorar as propostas presentadas pola Concellería. Este ano, a gala experimentará unha pequena modificación nas súas categorías, co obxectivo de facer o acto máis áxil e equilibrado, mantendo o seu carácter solemne e emotivo.
O Concello agradece moi especialmente a participación do GRUPO COLABORADOR / XURADO VALORADOR 2025, integrado por:
-
D. Cándido Paniagua Pousa
-
D. Xosé Calleja López
-
Dª Manuela López Rodríguez
-
D. Fernando Dopico Blanco
-
D. Manuel Seoane Feijóo
-
D. Carlos Valle Rivera
-
Dª Concepción Ogea Conde
-
D. Justo Gude Méndez
A Concellería de Cultura asume a responsabilidade das propostas e das decisións adoptadas, mantendo un firme compromiso coa transparencia, coa participación cidadá e coa posta en valor do talento local.
Os Premios da Cultura de Xinzo de Limia 2025 celebraranse nun acto público no que, un ano máis, o Concello renderá homenaxe ás persoas e entidades que fan posible que a cultura siga sendo un dos piares fundamentais da nosa identidade colectiva.