Xinzo de Limia Cultura

A Feira das Mozas cumpre un lustro en Xinzo de Limia cunha edición que reforza a súa oferta infantil e artesá

• O vindeiro 9 de maio a vila viaxará aos anos 50 para celebrar a 5ª edición desta recreación histórica, consolidada como unha cita imprescindible da tradición limiá.
• O evento medra este ano cunha nova área de xogos na Praza dos Ovos e un aumento notable da mostra de oficios tradicionais como a olería, o liño ou a feitura de corozas.
Presentación da 5ª edición da Feira das Mozas.
Presentación da 5ª edición da Feira das Mozas.

Xinzo de Limia, 21 de abril de 2026.- A Asociación Cultural “A Pantalla”, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, presentou hoxe a programación da 5ª edición da Feira das Mozas, que se celebrará o vindeiro sábado 9 de maio. Esta edición é especialmente significativa ao cumprir cinco anos de traxectoria ininterrompida recuperando a esencia das feiras de antano e a identidade da comarca.

O evento, que naceu para facer memoria da emblemática feira do 14 de maio, pon este ano o foco en dous eidos estratéxicos: o público infantil e o reforzo dos saberes tradicionais. Como gran novidade deste lustro, crearase unha nova zona infantil na Praza dos Ovos (Praza Xoan XXIII), que contará con obradoiros de máscaras e cabezudos e a actuación de monicreques de Títeres Alacrán coa obra "O Circo Galaico".

Cartel da 5ª edición da Feira das Mozas.
Cartel da 5ª edición da Feira das Mozas.

Artesanía e música en constante crecemento

4º Mercado de Artesanía, situado na rúa dos Viños, aumenta notablemente a súa oferta este ano. Ademais dos postos de venda, os asistentes poderán desfrutar de mostras en vivo de oficios populares como a oleria, a feitura de corozas e sombreiros, o traballo co liño e a elaboración de colchas. Dende o Concello sublíñase que esta aposta busca protexer e divulgar técnicas ancestrais que forman parte do ADN da Limia, garantindo que o legado dos nosos maiores siga presente.

No apartado musical, a 5ª edición será a máis ambiciosa ata a data. O programa inclúe dende a alborada e sesión vermú coa Agrupación Musical da Limia ata obradoiros de cantos de taberna con Artur Puga, pasarrúas con grupos como "Lirolaio" ou "Tarde Píache", e a actuación de música tradicional da A.C. Santaia de Oleiros. O broche de ouro porano o concerto de Unto Vello, a verbena cos Carecos e unha gran foliada aberta polo casco vello.

Dende o goberno local ponse en valor que a Feira das Mozas teña acadado este primeiro lustro plenamente consolidada no calendario cultural da vila. Para o Concello, este evento é unha oportunidade única para que Xinzo reviva o espírito de feira como punto de encontro, música e tradición, reforzando o orgullo pola nosa historia e apoiando iniciativas que nacen do propio tecido asociativo.

Por todo isto, dende a organización convídase a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta xornada ataviados ao estilo da década dos anos 50, o momento máis álxido das feiras limiás, lucindo o tradicional cravo vermello como símbolo de identidade.

PROGRAMACIÓN:

• 11:00 h. Alborada a cargo da Agrupación Musical da Limia polas rúas da vila.

• 12:00 h. Apertura do 4º Mercado de Artesanía na Rúa dos Viños e da Área de xogos da Praza dos Ovos (Praza Xoan XXIII).

• 12:00 h. Pasarrúas polo casco vello da vila a cargo de “Tarde Píache” e “Os Galos d’Antioquia”.

• 13:00 h. Sesión vermú a cargo da Agrupación Musical da Limia na Praza Maior.

• 13:00 h. Obradoiro de Cantos de Taberna impartido por Artur Puga, polas prazas principais da vila e a Rúa dos Viños.

• 16:00 h. Pasarrúas polo casco vello da vila a cargo de “Lirolaio” e “Os da Pedra Alta”.

• 17:00 h. Actuación infantil a cargo de Títeres Alacrán coa obra: O Circo Galaico, diante da Cárcere (Escola de Gaitas).

• 18:00 h. Obradoiro infantil de Máscaras e Cabezudos a cargo de Pedras de Papel na Área de xogos.

• 18:30 h. Cantares de Cego da man de Fran Guede polo casco vello da vila.

• 19:00 h. Mostra de oficios populares nos espolóns da Praza Maior e na Rúa dos Viños.

• 20:00 h. Mostra de Baile e Música Tradicional a cargo da A. C. Santaia de Oleiros na Praza Maior.

• 21:30 h. Concerto de Unto Vello na Praza Maior.

• 23:00 h. Verbena a cargo dos Carecos na Praza Maior.

• 00:30 h. Foliada aberta despois da verbena polo casco vello da vila.