Xinzo de Limia Cultura

Máis de 20 actividades gratuítas para vivir a Semana Santa 2025 en Xinzo de Limia

  • Todas as actividades son de balde e pensadas para públicos diversos

  • O programa inclúe contacontos, concertos, obradoiros e actividades tecnolóxicas

  • Algúns obradoiros requiren inscrición previa por control de aforo

Carlos Gómez e Amador Díaz presentando a programación de Semana Santa
Carlos Gómez e Amador Díaz presentando a programación de Semana Santa

Xinzo de Limia, 08 de abril de 2025. O Concello de Xinzo de Limia vén de presentar unha ampla e variada programación cultural con motivo da Semana Santa 2025, que se celebrará entre o sábado 12 e o domingo 20 de abril. En total, máis de 20 actividades de balde conforman unha proposta pensada para todos os públicos, con especial atención ás crianzas e á participación familiar.

O programa comeza o sábado 12 co tradicional Concerto de Primavera da Agrupación Musical da Limia e continúa cunha intensa semana de cursos tecnolóxicos, contacontos, presentacións literarias e obradoiros creativos, como a elaboración de queixos ou ovos de Pascua de chocolate. A Casa da Cultura e a Biblioteca Antelana acollerán boa parte das propostas.

Un dos momentos máis agardados será o concerto da Orquestra Kubo, que actuará o Domingo de Ramos ás 19:00 horas na esplanada do Toural. Tamén destaca a segunda edición do Torneo de Xadrez Vila de Xinzo, que se desenvolverá durante dúas xornadas no Casino Antelano, e a actividade especial dos auto tolos, un paseo motorizado para cativos polas rúas do casco histórico que require inscrición previa.

A programación complétase con tres actos relixiosos principais: a bendición dos ramos e procesión desde a Igrexa Vella o domingo 13 ás 12:00 horas; a procesión de Xesús na Horta das Oliveiras o xoves 17 ás 19:00 horas; e a do Santo Enterro o venres 18 ás 21:00 horas, ambas dende a Igrexa Nova.

Paralelamente, como accións orientadas á conciliación familiar, desenvolveranse o campus de inglés Easter Camp e o campus deportivo de Ociosaugal, cunha oferta complementaria que reforza o compromiso do Concello co apoio ás familias durante o período vacacional.

Segundo declarou o concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, “trátase dunha programación variada, completa e aberta a todos os públicos, cunha especial atención á infancia, que poderá participar en actividades lúdicas, culturais e educativas nun ambiente seguro e accesible”.

PROGRAMACIÓN DETALLADA:

SÁBADO 12 DE ABRIL

• Concerto de Primavera – Agrupación Musical da Limia

17:30 h – Casa da Cultura

 


 

DOMINGO DE RAMOS – 13 DE ABRIL

• Acto relixioso: Bendición dos Ramos e procesión dende a Igrexa Vella - 12:00 h

• Sesión vermú con LETHX SOUND

13.30 h - Praza Maior

• Orquestra KUBO

19:00 h – Esplanada do Toural

 


 

LUNS 14 DE ABRIL

• Curso de Realidade Virtual con Oculus Quest

11:00 h – Aula CEMIT, Casa da Cultura

Prazas limitadas. Inscricións na Casa da Cultura do 7 ao 11 de abril.

• Obradoiro de Ovos de Pascua de Chocolate

16:00 a 18:00 h – Casa da Cultura

Prazas limitadas. Inscricións na Casa da Cultura do 7 ao 11 de abril.

 


 

MARTES 15 DE ABRIL

• Curso de Introdución á Impresión 3D

11:00 h – Aula CEMIT, Casa da Cultura

Prazas limitadas. Inscricións na Casa da Cultura do 7 ao 11 de abril.

• Obradoiro de Ovos de Pascua de Chocolate

16:00 a 18:00 h – Casa da Cultura

Prazas limitadas. Inscricións na Casa da Cultura do 7 ao 11 de abril.

 


 

MÉRCORES 16 DE ABRIL

• Obradoiro de Elaboración de Queixos

12:00 h – Casa da Cultura

Prazas limitadas. Inscricións na Casa da Cultura do 7 ao 11 de abril.

• “A árbore das palabras” – Contacontos

17:00 h – Biblioteca Antelana

 


 

DO 7 DE ABRIL AO 12 DE MAIO

• Exposición fotográfica: #Usentimento

Casa da Cultura

 


 

XOVES 17 DE ABRIL

• “A terrorífica historia de Aba” – Contacontos

18:30 h – Biblioteca Antelana

• Acto relixioso: Procesión dende a Igrexa Nova – Xesús na Horta das Oliveiras - 19:00 h

 


 

VENRES 18 DE ABRIL

• Presentación do libro “Pero… como morren as pegas”

20:00 h – Biblioteca Antelana

• Acto relixioso: Procesión dende a Igrexa Nova – Santo Enterro - 21:00 h

 


 

SÁBADO 19 DE ABRIL

• Homenaxe a José Gil, practicante de Xinzo de Limia

12:00 h – Salón de Plenos do Concello

Entrega da Medalla de Ouro do Concello a título póstumo

• II Torneo de Xadrez Vila de Xinzo

16:00 a 20:00 h – Casino Antelano, Club Xadrez Lethes

• Auto tolos

17:00 a 19:00 h – Praza Maior e rúas de Xinzo

Paseo en auto tolo para cativos, previa inscrición. Prazas limitadas.

 


 

DOMINGO 20 DE ABRIL

• II Torneo de Xadrez Vila de Xinzo (continuación)

16:00 a 20:00 h – Casino Antelano, Club Xadrez Lethes

• Concerto de Marta Bravo e Serxio Tannus: Alegría

13:00 h – Praza Maior