Xinzo de Limia Cultura

Xinzo presenta o novo horario de inverno da Biblioteca Antelana tras profundas remodelacións na Casa da Cultura

Biblioteca Municipal Antelana de Xinzo de Limia
Biblioteca Municipal Antelana de Xinzo de Limia

En Xinzo de Limia, a 15 de setembro de 2025. Coa Biblioteca Antelana modernizada e con novo horario de inverno, e cunha Casa da Cultura renovada e máis accesible, o Concello de Xinzo de Limia reforza o seu compromiso co acceso á lectura, ao estudo e á participación cultural da veciñanza.

Biblioteca Municipal Antelana, aberta ao público en 1956 e próxima a cumprir setenta anos en 2026, inicia unha nova etapa tras unha reforma integral impulsada pola Concellería de Cultura. Segundo consta no libro de rexistro de obras, o seu primeiro bibliotecario foi Antonio Rodríguez “Rodriguete”. O novo mobiliario, o equipamento renovado e, sobre todo, a creación dunha Aula de Estudo permanente —aberta de luns a venres durante dez horas ao día— favoreceron un notable incremento de uso. Un exemplo é o inusual volume de 465 préstamos rexistrados entre xullo e agosto.

Novo horario de inverno (préstamos e devolucións)

  • Mañás: luns e venres, de 10:30 a 13:00 h

  • Tardes: de luns a venres, de 15:30 a 20:45 h

Aula de Estudo permanecerá aberta de luns a venres, de 09:00 a 14:00 h e de 15:30 a 20:45 h.

Casa da Cultura: detalle das actuacións executadas en 2025

En paralelo á modernización da biblioteca, a Casa da Cultura viviu este ano un programa de melloras cun investimento superior aos 110.000 €, grazas á colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e ás achegas do Concello de Xinzo de Limia. As principais intervencións foron:

  • Reforma e entarimado das oficinas de Cultura (1ª planta), mellorando confort e funcionalidade.

  • Rehabilitación integral das aulas 1, 5, 6, 10, 12, 14 e 15, con renovación de acabados e acondicionamento para docencia e ensaio.

  • Instalación dun ascensor para mellorar a accesibilidade e garantir comunicación vertical accesible entre plantas.

  • Pintado e acondicionamento dos aseos da 1ª e 2ª planta, reforzando conservación e hixiene.

  • Pintado do hall e da sala de exposicións da planta baixa, e das zonas comúns da 1ª planta, actualizando a imaxe xeral de acollida.

  • Mellora das instalacións de son e iluminación do salón de actos e pintura integral do recinto, elevando a calidade técnica para concertos, teatro e actos institucionais.

Trabállase agora nun plan a medio prazo para completar o reacondicionamento das aulas restantes e da planta baixa (hall e soportais), co obxectivo de crear novos espazos polivalentes adaptados ás necesidades socioculturais actuais.

Memoria e cultura viva

Como complemento ao novo horario, a Casa da Cultura acolle nestas datas unha exposición de carteis que repasa as 40 edicións das Xornadas de Folclore, unha mostra que cobra especial valor nun ano no que o evento non puido celebrarse en Xinzo a causa dos incendios acontecidos na provincia de Ourense no mes de agosto.

Entrada da Casa da Cultura
Entrada da Casa da Cultura
Imaxe do Auditorio Ángel Cocho
Imaxe do Auditorio Ángel Cocho
Exposición de Carteis das 40 Xornadas de Folclore
Exposición de Carteis das 40 Xornadas de Folclore