Xinzo de Limia Curiosidades

O III Patapas inxecta máis de 20.000 euros na economía local de Xinzo entre consumicións e premios no comercio

  • O Concello fai un balance moi positivo da iniciativa, destacando a gran afluencia de público durante os cinco días e o retorno directo xerado na vila.

  • Nos vindeiros días farase pública a data e lugar do sorteo, que será accesible á veciñanza para coñecer en directo aos gañadores dos 3.000 euros en premios.

Tarxetas completas do III Patapas.
Tarxetas completas do III Patapas.

Xinzo de Limia, 11 de decembro de 2025. – O III Concurso Gastronómico da Limia, o "Patapas", pechou este luns a súa edición máis dinámica cunhas cifras que avalan o seu éxito como motor de activación económica. Segundo as estimacións do Concello, a iniciativa logrou mobilizar máis de 20.000 euros de impacto directo na economía da vila en apenas cinco días. Esta cifra é o resultado de sumar o volume de negocio xerado a través das miles de consumicións da ruta e a inxección de capital que supoñen os premios finais, deseñados para reverter de novo no tecido local.

O impacto económico da iniciativa continuará máis alá da ponte. Aos ingresos directos xerados durante os días de concurso súmanse agora os 3.000 euros en premios que se sortearán en breve. O Concello lembra que estes vales teñen un carácter estratéxico e finalista: os gañadores deberán gastalos exclusivamente no comercio e nos negocios de Xinzo e, como novidade, terán que facelo durante a actual campaña de Nadal. Deste xeito, garántese que o investimento público peche o círculo, dinamizando as compras na vila nunhas datas clave para o sector.

O alcalde de Xinzo, Amador Díaz, quixo poñer o foco na gran resposta social que tivo o concurso, convertendo a vila nun fervendoiro de actividade durante toda a fin de semana: "Estamos moi satisfeitos porque esta edición tivo un volume participativo extraordinario por parte do público. Ver as rúas cheas de veciños e visitantes probando, compartindo e desfrutando da nosa vila é o mellor indicador de que estas iniciativas funcionan e son necesarias".

Unha vez recollidas as tarxetas de participación, o Concello comunicará nos vindeiros días a data e hora exactas do sorteo público, para que toda a veciñanza que participou na ruta poida asistir e comprobar en directo se a súa tarxeta resulta premiada con algún dos vales. Nese mesmo acto darase a coñecer tamén o veredicto da votación popular aos mellores pinchos.

Estas foron as Patapas 2025.
Estas foron as Patapas 2025.