O Campo de Fútbol Fernández Carrera suma novos espazos para familias e equipos
- Sala de reunións, dous aseos e zona recreativa na parte superior da grada, con reforma do tellado e novas escaleiras de acceso.
- Obra en recta final, remate antes do 7 de outubro, financiada ao 100% pola Deputación de Ourense (119.995 €).
Xinzo de Limia, a 17 de setembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia informa do avance das obras no Campo de Fútbol J.A. Fernández Carrera, que entran na súa recta final coa creación de unha sala de reunións, dous aseos e unha zona recreativa na parte superior da grada. A intervención complétase coa reforma do tellado e a execución das escaleiras de acceso ao nivel superior, co obxectivo de gañar confort, funcionalidade e mellor experiencia de partido para afección e clubs.
A actuación está financiada ao 100% pola Deputación de Ourense cun investimento de 119.995 € e ten remate previsto antes do 7 de outubro. Nunha visita aos traballos, o presidente da Deputación, Luis Menor, estivo acompañado polo alcalde, Amador Díaz, pola concelleira de Deportes, Cristina Campero, e por outros representantes municipais e das obras en cuestión.
Segundo o alcalde Amador Díaz, “seguimos mellorando instalacións para acompañar o crecemento do deporte federado en Xinzo, que cada ano bate unha nova marca”. O rexedor agradeceulle a colaboración á Deputación de Ourense.