Xinzo de Limia

Remata coa entrega de diplomas o Obradoiro de Emprego no Camiño

O alumnado deste obradoiro, 10 mulleres e 10 homes, traballou nos últimos 12 meses realizando tarefas de carpintaria e xardinaría para mellorar a accesibilidade do Camiño nos concellos de Xinzo de Limia e Sandiás
Foto de Familia do Obradoiro de Emprego no Camiño
Foto de Familia do Obradoiro de Emprego no Camiño

Xinzo de Limia, a 26 de setembro de 2023.  Esta mañá celebrouse na Casa da Cultura o acto de clausura e entrega de diplomas ás 20 persoas participantes deste Obradoiro de Emprego. O programa cofinanciouse entre a Consellería de Emprego e Igualdade e os concellos de Xinzo de Limia e Sandiás.

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, estivo acompañado polo alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, polo xefe territorial de Emprego e Igualdade, Iago Borrajo, e pola exalcaldesa Elvira Lama. O acto estivo moderado por Margarita Vázquez Alcalde, directora do Obradoiro.

Tódolos intervenientes quixeron agradecer o traballo e implicación das 20 alumnas e alumnos, que conseguiron levar adiante moitos proxectos de humanización en ambos concellos. Concretamente en Xinzo de Limia, podemos destacar os traballos de xardinaría entorno ás principais tarefas de mantemento dos moitos parques e xardíns que temos no Concello. Reparación e renovación de xardineiras, poda de árbores e un longo etcétera de actuacións nos entornos do Parque da Seara, Rúas Lepanto e Galicia, o grupo Santa Mariña ou o Parque do Pombal entre outras. Tamén se incidiu por parte da sección de carpintaría no mantemento e reparación de bancos, así coma no embelecemento e humanización de diferentes zonas coa instalación de varandas  ou cobertoiras para os colectores do lixo.

A día de hoxe existe intencionalidade por parte de tódalas institucións implicadas en darlle continuidade a este proxecto. Dende o Concello de Xinzo de Limia, sinalou o alcalde Amador Díaz que “queremos seguir ofertando cada ano este Obradoiro tan positivo para a mellora da empregabilidade, así como para a humanización de espazos públicos durante os diferentes procesos de aprendizaxe das alumnas e dos alumnos”.