Xinzo de Limia Entroido

Amador Díaz recibe a delegación de Tungurahua e reforza a ligazón con Ecuador

  • A visita dá continuidade á relación iniciada tras a viaxe institucional do alcalde a Ecuador en 2024.

  • A xornada incluíu visitas ao obradoiro da Pantalla, Arte Arrebol, e á Escola Municipal de Gaitas e Percusión.

MAR07996
MAR07996

Xinzo de Limia, a 19 de novembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia deu un paso máis na súa proxección cultural internacional coa visita dunha delegación de artesáns de Tungurahua (Ecuador), encabezada polo recoñecido mestre GusArte. A comitiva foi recibida no despacho da Alcaldía polo alcalde Amador Díaz, acompañado do concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, nun encontro no que se formalizou a doazón dunha máscara tradicional do Diablo de Píllaro, xa depositada e incorporada aos fondos do Museo Galego do Entroido (MUGAE).

A visita tivo un sentido preciso: poñer en diálogo o noso Entroido coa súa Diablada, dous universos festivos que comparten raíz comunitaria, forza simbólica da máscara e transmisión de saberes artesáns. Amador Díaz destacou que “Xinzo é terra de Entroido e cultura; por iso, esta relación con Ecuador encaixa de cheo coa nosa identidade. Queremos abrir pontes estables, aprender mutuamente e proxectar Xinzo cara fóra a través da creación artesá, da música e do noso patrimonio vivo”.

Ao longo da xornada, a delegación coñeceu a artesanía da Pantalla no obradoiro Arte Arrebol de Xinzo de Limia, onde compartiu co artesán e co alumnado procesos de deseño e elaboración; e visitou a Escola Municipal de Gaitas e Percusión, achegándose á linguaxe musical que acompaña as celebracións locais. Pola súa parte, GusArte agradeceu a acollida e subliñou que a doazón “é un xesto de amizade e recoñecemento; na Pantalla de Xinzo atopamos unha irmandade coa nosa máscara do Diablo de Píllaro, e iso anima a seguir colaborando”.

Esta visita dá continuidade ao vínculo aberto tras a viaxe institucional do alcalde a Tungurahua en 2024 e serve de base para traballos futuros: accións divulgativas conxuntas, obradoiros e exhibicións, intercambio de pezas e proxectos educativos que acheguen estas tradicións irmás á cidadanía. “Falamos de cultura que crea oportunidades e de patrimonio que suma; consolidar esta relación é bo para Xinzo e para a nosa mocidade”, sinalou o concelleiro de Cultura, Carlos Gómez.