Xinzo de Limia Entroido

O Concello de Xinzo suspende os concertos e a conta atrás do Petardazo por motivos de seguridade

  • A alerta por climatoloxía adversa impide o despregue do dispositivo de seguridade e a instalación do Posto de Mando Avanzado da AXEGA.

  • Quedan canceladas as actuacións da orquestra Origen, Henry Méndez e o acto do Petardazo co reloxo da praza apagado.

  • Mantense a animación musical por diversas rúas coa disco móbil Apocalipsis, Xituma Batuke e Charanga Achicoria.

Cartel Entroido Xinzo de Limia 2026.
Cartel Entroido Xinzo de Limia 2026.

Xinzo de Limia, 23 de xaneiro de 2026.- O Grupo de Goberno de Xinzo de Limia, tras avaliar os últimos informes técnicos e en coordinación cos servizos de emerxencia, logo de esgotar tódalas vías posibles durante a xornada de hoxe, comunica a suspensión das actividades principais previstas na Praza Carlos Casares para a xornada de mañá, sábado 24 de xaneiro.

Esta decisión vén motivada pola confirmación recibida polo alcalde, Amador Díaz, ás 20:23 horas desta tarde, na que a AXEGA comunica a imposibilidade de desprazar o camión do Posto de Mando Avanzado (PMA) debido á alerta por climatoloxía adversa. Segundo establece o Plan de Autoprotección do evento, a presenza deste dispositivo de coordinación técnica é un requisito indispensable e obrigatorio para a celebración dos actos na Praza Carlos Casares; sen a súa instalación, o Concello non pode garantir a seguridade necesaria nin cumprir coa normativa vixente para un evento de tal magnitude.

Cancelacións confirmadas:

  • Queda suspendida a actuación da orquestra Origen.

  • Cancélase o concerto de Henry Méndez.

  • Non haberá conta atrás nin acto do Petardazo: o reloxo da Praza Carlos Casares permanecerá apagado en sinal de suspensión do evento principal.

Mantemento da actividade por diversas rúas:

Co obxectivo de manter o espírito do Entroido nun entorno máis controlado, mantense a seguinte programación a partir das 22:00 horas:

  • Actuación da disco móbil Apocalipsis.

  • Xituma Batuke.

  • Charanga Achicoria.

O Concello de Xinzo lamenta profundamente ter que tomar esta medida, pero a seguridade de veciñanza e visitantes é a prioridade absoluta ante a falta de medios de coordinación técnica pola alerta meteorolóxica.