Xinzo de Limia reforza o dispositivo de seguridade para o Entroido 2026 con controis de acceso dende as 21:00 horas no Petardazo
-
O camión de mando avanzado da AXEGA e un hospital de campaña estarán operativos o vindeiro 24 de xaneiro.
-
Prohíbese o acceso con envases de cristal á Praza Carlos Casares, onde se repartirán vasos de material alternativo.
-
O Punto Violeta, situado na Avenida de Madrid, nº 1, abrirá durante o Petardazo e todos os días grandes do Entroido.
Xinzo de Limia, 14 de xaneiro de 2026.- O Concello de Xinzo de Limia acolleu este mércores a Xunta de Seguridade para coordinar o amplo dispositivo que velará polo bo desenvolvemento do Entroido 2026. A reunión serviu para fixar as liñas de actuación ante a previsión dunha gran afluencia de visitantes, especialmente durante o Sábado Petardazo e os días grandes do ciclo.
Unha das principais novidades deste ano aplicarase o sábado 24 de xaneiro. Para garantir a seguridade durante o Petardazo, realizarase un control exhaustivo de aforo nos puntos de acceso á Praza Carlos Casares dende as 21:00 horas, onde tamén se restrinxirá a entrada de recipientes de cristal. A organización entregará vasos de material alternativo nestes puntos para facilitar a colaboración dos asistentes. Ademais, nesa xornada contarase co apoio do camión de mando avanzado da AXEGA e coa instalación dun hospital de campaña para atender calquera incidencia de xeito inmediato, servizo que tamén estará operativo o Sábado de Entroido.
Como en edicións anteriores, o dispositivo contará cun reforzo importante de efectivos da Garda Civil, Policía Local, Bombeiros e voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella. A vixiancia intensificarase tanto no casco vello como nos accesos á vila, con controis preventivos para garantir unha mobilidade segura durante os días de maior concorrencia.
No ámbito da prevención e apoio social, o Punto Violeta centralizará a súa actividade nun local físico situado na Avenida de Madrid, nº 1. Este servizo de información e auxilio contra as condutas de acoso estará operativo tanto no Sábado Petardazo como durante todos os días grandes do Entroido. Dende o Goberno local e as autoridades de seguridade faise un chamamento á responsabilidade individual para que o Entroido siga a ser un exemplo de convivencia.