Xinzo de Limia Festas patronais

Xinzo de Limia vivirá cinco días de grandes festas con concertos de primeiro nivel, tradición e diversión para todas as idades

O Concello presenta a programación oficial en honra a Santa Mariña, que se celebrará do 16 ao 20 de xullo cun cartel potente que inclúe a Henry Méndez, Ráfaga, Kiko Rivera e grandes orquestras como Kubo, Función Pública e Olympus.
Amador Díaz e Ricardo Sieiro na presentación das Festas de Santa Mariña.
Amador Díaz e Ricardo Sieiro na presentación das Festas de Santa Mariña.

Xinzo de Limia, 29 de xuño de 2026. O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Festas, presenta a programación das festas en honra a Santa Mariña, que se celebrarán do xoves 16 ao luns 20, cun completo cartel que combina espectáculos musicais de primeiro nivel, tradición popular e actividades para todos os públicos.

Durante cinco días, a vila converterase no gran epicentro festivo da comarca, cunha proposta pensada para atraer tanto á veciñanza como a visitantes, consolidando Xinzo como un referente no calendario festivo da provincia.

A programación arrancará o xoves 16 coa actuación da orquestra Origen, seguida do concerto do recoñecido artista internacional Henry Méndez, nunha primeira gran noite na explanada do Toural.

O venres 17 estará marcado pola animación e a participación, coa tradicional festa da escuma, e unha potente proposta musical que inclúe á orquestra KUBO e ao mítico grupo Ráfaga, rematando a noite cunha sesión DJ.

O sábado 18, día grande na honra da patroa, Santa Mariña, combinará os actos máis tradicionais como a alborada, a procesión e os pasarrúas cos xigantes e cabezudos, cunha intensa programación lúdica e musical. Destacan propostas como o mercadiño, a Color Party e as actuacións de A Gramola Tour Life e da espectacular orquestra Função Pública, garantindo unha das xornadas máis completas das festas.

O domingo 19 reforza a aposta por todos os públicos, con actividades familiares e unha potente noite musical protagonizada pola orquestra Olympus e o espectáculo de Kiko Rivera, pechando coa discomóbil Apocalipsis.

As festas porán o seu broche final o luns 20 cunha xornada pensada para o desfrute familiar, que incluirá sesión vermú, inchables acuáticos e a actuación da orquestra Capitol.

Desde o Concello de Xinzo de Limia destacan que esta programación é o resultado dun esforzo por ofrecer unhas festas abertas, dinámicas e de calidade, nas que tradición e modernidade se dan a man para chegar a todos os públicos.

A organización anima a toda a cidadanía e visitantes a participar activamente destes festexos e a gozar dun ambiente de convivencia, respecto e diversión.

PROGRAMA COMPLETO AQUÍ.

Cartel Festas de Santa Mariña 2026.
Cartel Festas de Santa Mariña 2026.