Xinzo de Limia

REUNIÓN DO PARLAMENTARIO E CONCELLEIRO DE XINZO COA DIRECTORA XERAL CORRESPONDENTE

A XUNTA INCREMENTARÁ A INFORMACIÓN SOBRE A COUZA DA PATACA NA ZONA PRODUTORA DA COMARCA OURENSÁ DA LIMIA

Así llelo transmitiu a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias ao deputado autonómico Carlos Gómez Salgado e a unha representante da asociación de agricultores desta zona, cos que se reuniu esta tarde en Santiago

 

170214_belen_do_campo_couza-2_resized
170214_belen_do_campo_couza-2_resized

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse esta tarde co deputado popular Carlos Gómez Salgado, que estivo acompañado por unha técnica da asociación de empresarios gandeiros e agricultores da Limia (Adegal).

Nesta xuntanza de traballo abordaron cuestións de actualidade e de especial interese para os agricultores da Limia, zona de referencia en canto á produción de pataca en Galicia. En concreto, a directora comprometeuse a celebrar proximamente unha xuntanza informativa sobre a praga da couza guatemalteca da pataca con representantes desta asociación e con produtores desa comarca ourensá, a maiores das reunións previstas con representantes da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, tamén na Limia.

A directora xeral e o deputado autonómico coincidiron en trasladar unha mensaxe de tranquilidade á opinión pública sobre as garantías que existen para a comercialización e o consumo de pataca galega, que non están afectadas por este problema, localizado no norte de Galicia e en zonas fundamentalmente de autoconsumo. Estiveron de acordo, ademais, en valorar as accións informativas e de control levadas a cabo pola Consellería, así como a elevada profesionalidade dos pataqueiros da Limia á hora controlar a súa produción, amosando un gran rigor nestas tarefas. Algo que incide tamén, positivamente, na loita contra a expansión desta praga.