O III Patapas chegará con un 30% máis en premios e novidades para fomentar a rotación por tódolos establecementos
Xinzo de Limia, a 4 de novembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia reuniuse coa hostalaría local para perfilar as novas bases da terceira edición do Patapas, o noso Concurso de Tapas de Pataca. O encontro serviu para compartir propostas co obxectivo de aumentar a participación e favorecer a rotación do público por todos os establecementos, tamén fóra do centro.
A organización introducirá lixeiras novidades nas bases para facilitar que máis xente complete a ruta e coñeza a oferta das distintas ubicacións. Ademais, a dotación en premios aumenta un 30%, acadando os 3.500 €.
O venres 14 de novembro celebrarase unha nova reunión para pechar a inscrición de locais participantes. Despois dese día daranse a coñecer a cartelería, a listaxe de establecementos, o calendario e as bases completas.
Patapas consolídase como o concurso gastronómico da pataca da Limia non só polo impulso á creatividade e á dinamización da vila, senón tamén polo seu carácter colaborativo, froito do traballo conxunto entre a hostalaría e o Concello.