Xinzo de Limia

Xinzo de Limia acolle a primeira xuntanza de Policías Locais

  • Na xuntanza participaron as xefaturas de tamaño medio e pequeno da Policía Local da provincia, un total de oito concellos.

  • O obxectivo desta reunión é tratar de mellorar a coordinación e cooperación intermunicipal.

Foto de familia da reunión
Foto de familia da reunión

Xinzo de Limia, a 19 de xaneiro de 2024.  No día de hoxe celebrouse en Xinzo de Limia a primeira reunión de Policías Locais entre oito concellos da nosa provincia:  Allariz, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

Á súa chegada a Xinzo, os distintos axentes foron recibidos polo alcalde de Xinzo, Amador Díaz, o concelleiro de mobilidade Moncho Gómez, e o inspector xefe da Policía Local José Manuel Estévez, quen foi promotor desta iniciativa. Tras este primeiro encontro procederon á reunión de traballo, onde se trataron diferentes apartados do día a día das tarefas da Policía Local, así coma novas metodoloxías ou a creación de convenios intermunicipais de cara ó reforzo de eventos multitudinarios. Tamén se puxeron en común os proxectos que se están levando a cabo por parte das xefaturas de Policía Local dos diferentes Concellos e coñeceron o novo software policial Apolo.

Como remate á estancia en Xinzo de Limia, visitaron o Museo Galego do Entroido para poñer en valor o noso rico patrimonio e o noso Entroido, que está a piques de comezar.