Adxudicado o acondicionamento integral do centro social de Moreiras, con fondos propios por 15.850 €
Xinzo de Limia, mércores 03 de decembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia vén de adxudicar as obras de acondicionamento integral do centro social de Moreiras, co obxectivo de facelo habitable e plenamente utilizable pola veciñanza. A intervención —financiada con fondos propios por 15.850 €— inclúe reparación e pintado xeral, colocación de plaquetas e unha posta ao día completa do espazo, así como actuación no tellado, para garantir confort e seguridade no uso comunitario.
O alcalde, Amador Díaz, salientou que “seguimos a apostar decididamente polos nosos núcleos rurais: queremos que cada lugar conte cun centro social en condicións, porque son puntos de encontro, vida comunitaria e cohesión, claves tamén para fixar poboación”.
As obras iniciaranse nos vindeiros días e executaranse en prazos axustados para dispoñer do equipamento canto antes. Esta actuación enmárcase na estratexia municipal “Xinzo Paso a Paso”, orientada a mellorar infraestruturas e espazos de uso social en todo o termo municipal.