Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

Comezan as obras de transformación na Praza de Abastos de Xinzo de Limia

Durante a execución, inhabilítanse as prazas de aparcamento da contorna —manténdose libres os accesos a vados— e habilítanse contedores para garantir a continuidade da venda dos postos. O aparcadoiro gratuíto do Multicentro, a 150 metros, ofrece máis de 100 prazas alternativas.

Imaxe da Actual Praza de Abastos
Imaxe da Actual Praza de Abastos

Xinzo de Limia, a 17 de novembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia inicia esta semana as obras de renovación integral da Praza de Abastos, un proxecto anunciado nos últimos meses que dá agora o paso decisivo para recuperar este espazo como eixo de vida comercial e social no centro da vila.

Mentres duren os traballos, as prazas de aparcamento da contorna permanecerán inhabilitadas, garantíndose en todo momento os accesos a vados. Para manter a actividade dos postos que operaban no interior, instalaranse contedores de venda na área, asegurando a atención á clientela durante a obra. Como medida complementaria, o Concello lembra que a 150 metros está dispoñible o novo aparcadoiro gratuíto da contorna do Multicentro, con máis de 100 prazas, pensado para absorber a demanda de estacionamento durante este período.

O horizonte de execución sitúase en arredor dun ano, co obxectivo de que a praza estea rematada e chea de vida no seu interior nese prazo. As persoas ou negocios interesados en coñecer condicións e dispoñibilidade de postos poden dirixirse ao Concello polas canles habituais de información (presencial, teléfono ou sede electrónica) para manifestar o seu interese.

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, subliña que se trata dunha “obra esperada e necesaria para modernizar o mercado e dinamizar o comercio de proximidade”, e agradece “comprensión da veciñanza polos axustes de mobilidade e estacionamento mentres duren os traballos; o resultado compensará cun espazo máis cómodo, atractivo e funcional para profesionais e clientes”.

Imaxe 1 do Proxecto da Praza de Abastos
Imaxe 1 do Proxecto da Praza de Abastos
Imaxe 2 do Proxecto da Praza de Abastos
Imaxe 2 do Proxecto da Praza de Abastos