Comezaron as obras en Soutelo de Pena: asfaltado integral do núcleo e mellora da conexión coa OU-1102
Xinzo de Limia, a 1 de decembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia ten en marcha as obras no lugar de Soutelo de Pena, que abarcan a mellora da conexión desde a estrada OU-1102 (vía a Vilar de Barrio) ata o núcleo e o asfaltado integral de todas as súas rúas. A intervención inclúe dobre rego asfáltico, limpeza de cunetas e sinalización vertical, deixando o viario “a punto” e máis seguro para os desprazamentos cotiáns.
O investimento ascende a 48.350 € con fondos propios e a obra foi adxudicada á empresa Camiños de Ourense. A actuación enmárcase na estratexia municipal “Xinzo Paso a Paso”, orientada a recuperar espazo para as persoas, mellorar a accesibilidade e coidar o viario tamén nos núcleos rurais.
Para o concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, “é unha obra completa que dá resposta a unha demanda veciñal: melloramos a entrada desde a OU-1102 e renovamos o viario interior de Soutelo de Pena con criterios de durabilidade e seguridade, optimizando os recursos municipais”.
Os traballos execútanse por tramos, co obxectivo de minimizar as molestias e manter os accesos esenciais durante a obra. O Concello agradece a colaboración da veciñanza.