Xinzo de Limia

O Concello baleira e consolida a estrutura do futuro Museo Carlos Casares

  • Antes do Corredoiro estarán rematadas as obras e retiradas as proteccións do edificio que ocupan parte da rúa.

  • As actuacións acometidas supoñen un investimento de 8.470 € por parte do Concello.

Edificio que albergará o Museo Carlos Casares
Edificio que albergará o Museo Carlos Casares

Xinzo de Limia, a 26 de xaneiro de 2024.  O futuro Museo Carlos Casares ubicarase nun edificio histórico da Praza Maior adquirido polo Concello de Xinzo de Limia durante o ano 2023. Moi pronto, o proxecto de transformación deste edificio será unha realidade e converterase nun punto de atracción turística e cultural para a nosa vila.

Entre tanto, o edificio atópase en mal estado e ocupando parte da rúa coas proteccións exteriores que ten instaladas. Por isto, o vindeiro luns comezarán unhas obras de carácter provisional para baleirar e consolidar a estrutura do futuro Museo Carlos Casares, con especial fincapé na conservación e mantemento do teito co gallo de parar a filtración de augas pluviais.

As actuacións sobre o edificio, que supoñen un importe de 8.470€ das arcas municipais, terán lugar durante a vindeira semana, garantindo que antes do Corredoiro estén rematadas as obras e retiradas as proteccións da rúa. Deste xeito, disfrutaremos dunha mellora nos espazos destinados á mobilidade de peóns e dun aumento na seguridade para os mesmos de cara ós días grandes do Entroido, no que se prevé unha afluencia masiva de persoas.