Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

O Concello de Xinzo adxudica a mellora dos viais de Ganade por preto de 50.000 euros de fondos propios

  • A intervención, enmarcada no plan "Xinzo Paso a Paso", supón un investimento de 48.387 € e actuará sobre gran parte do núcleo.

  • Os traballos de rego asfáltico e bacheo chegarán aos barrios de O Forno, Do Concello, Dices, Rial, A Barxa, O Barrio, Souto e Casares.

Acceso actual a un dos barrios de Ganade.
Acceso actual a un dos barrios de Ganade.

Xinzo de Limia, 11 de decembro de 2025. – O Concello de Xinzo de Limia continúa co seu plan de mantemento nos núcleos rurais e vén de adxudicar as obras de mellora viaria na localidade de Ganade. A actuación conta cun investimento total de 48.387 euros, financiados integramente con fondos propios, e será executada pola empresa Obras e Estradas Carreira Bella.

O obxectivo é realizar unha posta a punto integral de case todo o lugar para mellorar a seguridade e a comodidade do tránsito diario. Os traballos centraranse na aplicación de rego asfáltico e labores de bacheo para eliminar o deterioro do firme nos barrios de O Forno, Do Concello, Dices, Rial, A Barxa, O Barrio, Souto e Casares.

Esta obra inscríbese dentro da estratexia municipal "Xinzo Paso a Paso", coa que o goberno local busca manter en boas condicións as infraestruturas básicas de todas as parroquias. O concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, salienta: "Pechamos o ano cumprindo co noso compromiso de adxudicar obras nos núcleos rurais con recursos propios. En Ganade acometeremos unha posta a punto do viario, tocando a maioría dos barrios para responder con feitos ás necesidades da veciñanza”.