Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

O Concello de Xinzo e CESUGA asinan un convenio para que o alumnado de Arquitectura deseñe o futuro Auditorio Municipal

  • O alcalde, Amador Díaz, e o presidente de CESUGA, Venancio Salcines, rubricaron o acordo de colaboración que permitirá contar con múltiples propostas de deseño sen custe para as arcas municipais.

  • Os proxectos serán expostos publicamente para que a veciñanza poida coñecelos e valorar cal é a mellor opción para a vila.

Amador Díaz e Venancio Salcines no acto de sinatura do Convenio.
Amador Díaz e Venancio Salcines no acto de sinatura do Convenio.

Xinzo de Limia, 19 decembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia segue a dar pasos para facer realidade unha das infraestruturas máis demandadas pola veciñanza: o novo Auditorio Municipal. O alcalde, Amador Díaz, e o presidente do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), Venancio Salcines, asinaron este xoves un convenio de colaboración polo cal a institución académica pon o seu talento ao servizo da vila.

A través deste acordo, o alumnado do Grao de Arquitectura de CESUGA encargarase de elaborar os anteproxectos do futuro auditorio como parte do seu traballo de fin de grao. Venancio Salcines, que se desprazou este xoves a Xinzo para a firma, aproveitou a visita para coñecer de primeira man, xunto ao rexedor, a contorna do Campo da Feira e os terreos onde se proxecta levantar o edificio, analizando as necesidades urbanísticas e a integración na paisaxe. Tamén visitaron o Mosteiro de Trandeiras, un espazo para o que presentarán máis proxectos desde CESUGA.

Participación cidadá e transparencia

Un dos puntos clave deste convenio é o seu carácter participativo. Non se presentará un único deseño pechado, senón que haberá varias propostas diferentes. O Concello comprométese a habilitar un espazo para expor estes traballos á cidadanía. Deste xeito, os veciños e veciñas de Xinzo poderán examinar as maquetas e planos, e a súa valoración será fundamental para decidir cal é a mellor opción para o futuro da vila.

Colaboración institucional a "custe cero”

Amador Díaz quixo destacar que se trata dun convenio de colaboración estritamente institucional, non económico. O Concello non terá que desembolsar honorarios pola redacción destas ideas, mentres que CESUGA logra que o seu alumnado se enfronte a un reto real e tanxible. "É unha simbiose perfecta: Xinzo recibe talento fresco e vangarda arquitectónica, e os futuros arquitectos teñen a oportunidade de deixar a súa pegada nun proxecto público de gran envergadura", sinalou o rexedor. 

Unha alianza estratéxica máis aló do Auditorio

A relación entre Xinzo e CESUGA non se limita unicamente ao auditorio. O convenio abarca outras liñas de traballo que xa están en marcha para modernizar e poñer en valor o municipio, como son por exemplo:

  1. Mosteiro de Trandeiras: Estase a traballar no proxecto para un Centro de Interpretación e Estudos na contorna do Mosteiro de Trandeiras. Esta iniciativa súmase aos esforzos do goberno local pola recuperación deste Ben de Interese Cultural, que actualmente se atopa na súa segunda fase de rehabilitación.

  2. Nova identidade visual: A colaboración tamén inclúe o desenvolvemento dunha nova imaxe corporativa e visual para o Concello de Xinzo, buscando renovar e unificar a marca institucional. Levarano a cabo estudantes do Grao de Publicidade e RRPP.

Con esta firma, Xinzo segue a dar pasos para dotarse dun auditorio moderno, consensuado e deseñado coa ollada posta no futuro.

Silvia Blanco, Amador Díaz, Venancio Salcines e Marga Borreguero
Silvia Blanco, Amador Díaz, Venancio Salcines e Marga Borreguero