O Concello de Xinzo cifra en máis de 1,1 millóns de euros os danos polas inundacións e solicita axudas do Estado para reparar 75 quilómetros de vías
-
O Goberno local enviou a valoración á Subdelegación do Goberno para acollerse á liña de axudas para Zonas Afectadas Gravemente por Emerxencia de Protección Civil (ZAGEPC), que subvenciona ata o 50% do custo.
-
As chuvias do pasado mes obrigaron a activar de forma inédita o Plan de Inundacións o pasado 3 de febreiro.
Xinzo de Limia, 5 de marzo de 2026.- O Concello de Xinzo de Limia vén de remitir á Subdelegación do Goberno unha exhaustiva memoria valorada dos danos provocados polo temporal do pasado mes de febreiro, co obxectivo de concorrer á liña de subvencións do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática. Estas axudas están destinadas ás Zonas Afectadas Gravemente por Emerxencia de Protección Civil (ZAGEPC) e cobren ata o 50% do custo total das reparacións.
A valoración técnica cifra en 1.135.459,62 euros (IVE incluído) o investimento necesario para devolver á normalidade as infraestruturas municipais danadas polas fortes chuvias. Cómpre lembrar que a virulencia do temporal obrigou ao Concello a activar por primeira vez o Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de Inundacións o pasado 3 de febreiro.
O alcalde de Xinzo, Amador Díaz, puxo en valor o funcionamento deste protocolo: "A rápida activación do Plan de Inundacións e a coordinación dende o Posto de Mando Avanzado foron determinantes para protexer ás persoas e evitar males maiores. Porén, a forza da auga castigou duramente as nosas infraestruturas. Agora que pasou a emerxencia, a nosa prioridade é xestionar e acadar todos os fondos posibles para arranxar estes estragos canto antes".
Unha intervención sobre 75 quilómetros de pistas
O proxecto remitido ao Ministerio recolle un plan de choque integral. O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, detallou a magnitude dos traballos proxectados: "Falamos dunha intervención moi necesaria. Imos ter que actuar sobre un total de 75 quilómetros de vías municipais en todo o concello para garantir a seguridade viaria e o acceso das nosas veciñas e veciños ás súas fincas e propiedades".
As actuacións recollidas na memoria divídense nos seguintes bloques principais:
-
Pistas de terra (55 km lineais): Levaranse a cabo traballos de apertura e limpeza de cunetas, así como a extensión e perfilamento dunha nova base de zahorra artificial mediante motoniveladora.
-
Pistas pavimentadas (20 km lineais): Ademais da limpeza de cunetas, procederase ao bacheo con aglomerado nun firme de 5 centímetros e á aplicación dun triplo rego asfáltico.
-
Reposición de canalizacións: O proxecto inclúe a subministración e instalación de 500 metros cúbicos de tubos de PVC para recuperar os accesos a fincas e propiedades particulares, ademais da limpeza, reposición e mellora de colectores de pluviais en varias ubicacións do termo municipal.
O Goberno local agarda agora unha resolución favorable por parte do Estado para poder licitar e executar estas obras á maior brevidade posible.