Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

O Concello de Xinzo completa a mellora integral de Soutelo de Pena e atende unha demanda histórica da veciñanza

  • A actuación supuxo un investimento de 48.350 euros con fondos municipais e incluíu a renovación da pista de acceso e o asfaltado de todo o núcleo rural.

  • A intervención enmárcase na estratexia municipal “Xinzo Paso a Paso”, coa que se busca recuperar e dignificar os viarios de todo o concello.

Ramón Gómez e Amador Díaz nunha visita para verificar o remate das obras.
Ramón Gómez e Amador Díaz nunha visita para verificar o remate das obras.

Xinzo de Limia, 9 de marzo de 2026.- O Concello de Xinzo de Limia vén de rematar as obras de mellora e humanización no núcleo de Soutelo de Pena. Esta intervención dá resposta definitiva a unha demanda veciñal prolongada no tempo ante o avanzado estado de deterioro que presentaba tanto o núcleo como, especialmente, a súa pista principal de acceso dende a estrada de Vilar de Barrio.

O proxecto, executado con fondos propios do Concello, contou cun orzamento total de 48.350 euros (impostos incluídos). Esta actuación forma parte da estratexia integral “Xinzo Paso a Paso”, coa que o Goberno local está a actuar de forma planificada para recuperar espazo para as persoas e mellorar a accesibilidade en todos os núcleos rurais do municipio.

Todo o núcleo e accesos a Soutelo de Pena contan agora cuns viais en boas condicións.
Todo o núcleo e accesos a Soutelo de Pena contan agora cuns viais en boas condicións.

Para asegurar a vida útil da obra, os traballos consistiron nunha limpeza integral de cunetas con desbroce previo. Esta fase resultou fundamental para garantir un correcto desaugue, evitando que a filtración de auga por fóra das canles danase o firme renovado. Unha vez saneada a contorna, procedeuse ao bacheo e á aplicación dun triple rego asfáltico, proporcionando un acabado resistente e seguro.

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, destacou a importancia de cumprir cos compromisos adquiridos co rural: "Era unha obra moi necesaria porque o estado de deterioro en Soutelo de Pena era xa moi preocupante para a veciñanza. Con esta mellora dende a OU-1102 e a renovación de todo o interior do núcleo, seguimos avanzando na nosa folla de ruta 'paso a paso' para que ningunha zona de Xinzo quede atrás en canto a calidade dos servizos e infraestruturas”.