Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

En marcha o deseño do novo Auditorio de Xinzo e a renovación integral do Campo da Feira

- Un acordo académico pioneiro: 25 estudantes e 3 docentes de CESUGA traballan en Xinzo para dar forma ao proxecto máis ilusionante do mandato.

- Auditorio multiusos e reurbanización completa do Campo da Feira, con accesibilidade e boa mobilidade como eixos irrenunciables.

- Exposición pública e votación veciñal: a cidadanía elixirá a proposta que se fará realidade.

Alumnas e alumnos de arquitectura recoñecendo o terreo para o futuro auditorio
Alumnas e alumnos de arquitectura recoñecendo o terreo para o futuro auditorio

Xinzo de Limia, a 23 de setembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia dá un paso de xigante e activa, xunto ao centro universitario CESUGA, o deseño dos proxectos que marcarán un antes e un despois no corazón da vila: o novo Auditorio de Xinzo e a reurbanización integral do Campo da Feira. É unha aposta pola cultura, pola vida pública e pola identidade de Xinzo, chamada a transformar un espazo emblemático nun gran foro cidadán ao servizo de concertos, teatro, congresos, feiras e encontro social durante todo o ano.

Nestes días, 25 persoas do alumnado e 3 docentes do último ano de Arquitectura están xa en Xinzo realizando traballo de campo: medicións, lectura do territorio, entrevistas e análise de usos. O obxectivo é coñecer en profundidade o ámbito de intervención para deseñar proxectos maduros e executables. O encargo abrangue, ademais do auditorio multiusos, a renovación completa do conxunto feiral: a rehabilitación do antigo edificio da venda de gando, a posta ao día dos almacéns e a reordenación das zonas de restauración ligadas ás feiras. Todo baixo dous principios irrenunciables: accesibilidade universal e boa organización da mobilidade, garantindo itinerarios cómodos e seguros e unha convivencia harmónica cos usos tradicionais.

Como complemento, o equipo académico abordará tamén unha aula de interpretación na contorna do Mosteiro de Trandeiras, co ánimo e conectar patrimonio, territorio e cultura, e ampliar o mapa de oportunidades turísticas de Xinzo. 

A participación cidadá será clave. Ao remate do curso, as propostas presentaranse publicamente en Xinzo e abrirase un proceso de votación veciñal para que a cidadanía coñeza, compare e elixaA proposta elixida será a que se faga realidade, activando así, con decisión e consenso social, os primeiros pasos do Auditorio de Xinzo e da nova vida do Campo da Feira.

O alcalde, Amador Díaz, resume o espírito desta iniciativa: “Falamos dunha demanda histórica e dun soño compartido: Xinzo pon en marcha, por fin, o camiño cara ao seu auditorio e a recuperación dun espazo central para a cultura, a convivencia e o orgullo de vila”.

A colaboración con CESUGA cristaliza tras varias reunións entre o alcalde, Amador Díaz, e Venancio Salcinespresidente do centro universitario, e sitúa a Xinzo no mapa das referencias académicas de alto valor, que traen talento, método e mirada contemporánea para pensar a vila con ambición e agarimo. O Concello informará co avance do curso académico dos fitos do proceso de exposición pública e votación, para que toda a veciñanza poida formar parte desta decisión colectiva. 

O traballo académico está coordinado polo profesorado de CESUGA —Alberto Alonso Oro e Borja López Cotelo— baixo a dirección da responsable do Grao, Silvia Blanco Agüeira. Para enriquecer o proceso, o alumnado contou con asesoramento de especialistas coñecedores de Xinzo e da Limia: o arquitecto Manuel Seoane, o historiador Edelmiro Martínez e o escultor Xosé Lois Carreira, cuxas achegas axudan a ancorar as propostas ao contexto urbano, social e patrimonial do municipio.

MAR03591
Ubicación exacta do futuro auditorio
MAR03667
Recoñecemento do terreo do Campo da Feira
Alumnos e profesores atendendo ás indicacións do alcalde Amador Díaz
Alumnos e profesores atendendo ás indicacións do alcalde Amador Díaz