Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

Obras en marcha no Barrio de Abaixo: renovación do firme en 9 rúas

Ramón Gómez e Amador Díaz supervisando o comezo das obras.
Ramón Gómez e Amador Díaz supervisando o comezo das obras.

Xinzo de Limia, a 12 de setembro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia iniciou a renovación integral do firme no Barrio de Abaixo cun investimento actualizado de 280.000 €, financiado a través do Plan provincial CooperOU da Deputación de Ourense, e un prazo de execución de tres meses, con data estimada de finalización o 14 de novembro. O alcalde Amador Díaz e o concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, supervisaron in situ o inicio dos traballos e o plan de fases previsto para minimizar as molestias á veciñanza.

A intervención abrangue nove rúas —Camiño do Regueiro, Serra de San Mamede, Serra de Manzaneda, Pena Trevinca, Serra do Larouco, Serra de Queixa, do Furriolo, do Padrón e Xabier Prado Lameiro—, vías que levaban varias décadas sen unha intervención integral, acumulando desgaste e parcheos que afectaban á comodidade e á seguridade do tránsito peonil e rodado. As arterias principais do barrio (Constitución, Galicia, Lepanto e San Roque) contarán cun proxecto específico actualmente en redacción.

Os traballos desenvolveranse por tramos e en fases, mantendo, na medida do posible, os accesos a garaxes e servizos e coa coordinación da Policía Local para a sinalización e os cambios puntuais de tráfico. “É unha obra necesaria e moi demandada pola veciñanza; imos actuar con criterio e por fases para mellorar a seguridade, o confort e a mobilidade no corazón da vila, avanzando nun modelo de Xinzo coidado e centrado nas persoas”, sinalou o alcalde Amador Díaz.

Esta actuación enmárcase na estratexia municipal “Xinzo Paso a Paso”, coa que o Concello está a revalorizar o centro histórico, recuperar espazo para as persoas e consolidar unha rede viaria máis amable, accesible e segura.