Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

Rolda de supervisión de accesibilidade en Xinzo con Policía Local e Algaria para priorizar melloras inmediatas

Concello, Policía Local e Algaria visitando as instalacións da Moreira
Concello, Policía Local e Algaria visitando as instalacións da Moreira

Xinzo de Limia, 9 de setembro do 2025. O concelleiro de Obras, Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez, realizou unha rolda de supervisión en rúa acompañado do inspector xefe da Policía Local, José Manuel Estévez, e de Óscar Pena, director de Algaria, para coñecer de primeira man as eivas de accesibilidade da vila e ordenar prioridades de actuación. No percorrido por distintas rúas constatáronse desniveis, barreiras físicas e obstáculos e beirarrúas estreitas, así como discontinuidades que dificultan os tránsitos das persoas.

A visita puxo o foco en que existen moitos tipos de dificultades na mobilidade cotiá, ás veces invisibilizadas, e que cómpre resolvelas con solucións prácticas que melloren a continuidade dos percorridos, a seguridade e o confort de toda a veciñanza. Como exemplo de actuación solicitada, avanzaranse melloras no acceso á Moreira, para facilitar a entrada e saída da afección cando acode apoiar nos encontros.

Segundo sinalou o concelleiro Ramón Gómez, esta supervisión “permítenos ver o que ve a veciñanza, ordenar prioridades e actuar con criterio e eficacia, sumando pequenos arranxos de alto impacto que melloran a vida diaria e reforzan a seguridade peonil”.

A iniciativa enmárcase no plan municipal Xinzo Paso a Paso, co que o Concello avanza na recuperación de espazo para as persoas, na seguridade viaria e na mellora progresiva da accesibilidade no conxunto do municipio.