Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

O talento novo de CESUGA debuxa o futuro da contorna do Mosteiro de Trandeiras con 16 proxectos arquitectónicos innovadores

  • Os traballos de Fin de Grao dos alumnos de 5º de Arquitectura estarán expostos na Casa da Cultura ata finais de mes para que a veciñanza poida coñecer as propostas.

  • Durante xullo daranse a coñecer publicamente as mellores ideas seleccionadas para os tres eixes do convenio: a contorna de Trandeiras, o novo auditorio e a identidade visual de Xinzo.

  • O Concello subliña que estas ideas suman valor á aposta pola recuperación do espazo de Trandeiras, que comezará a segunda fase de rehabilitación cun investimento acumulado que se achega aos 2 millóns de euros.

Acto de presentación dos 16 proxectos para transformar a contorna do Mosteiro de Trandeiras.
Acto de presentación dos 16 proxectos para poñer en valor a contorna do Mosteiro de Trandeiras.

Xinzo de Limia, 15 de xuño de 2026.- O Concello de Xinzo de Limia acolleu hoxe a presentación oficial de 16 proxectos arquitectónicos deseñados para a revitalización e posta en valor da contorna do Mosteiro de Trandeiras. As propostas son froito do convenio de colaboración mantido co Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) e foron desenvolvidas como Traballos de Fin de Grao (TFG) polo alumnado de quinto curso do Grao en Arquitectura.

O acto de presentación contou coa presenza do alcalde de Xinzo, Amador Díaz, xunto ao concelleiro de obras, Ramón Gómez, e o arquitecto municipal, Rafael Mascareñas. Pola parte académica, a delegación estivo encabezada polo presidente do Consello de Administración de CESUGA, José Venancio Salcines; a directora do Grao en Arquitectura, Silvia Blanco Agüeira; e o docente Faustino Patiño Cambeiro.

Durante a xornada, destacouse a altísima calidade técnica e a visión fresca que aporta a xuventude á hora de repensar os espazos patrimoniais. O Concello anunciou que as 16 propostas (que inclúen ideas para un Centro de Interpretación e Estudos, entre outras intervencións) quedarán expostas ao público na Casa da Cultura ata finais deste mes para que os veciños e veciñas poidan coñecer as maquetas e paneis explicativos. Alén disto, avanzouse que a primeiros de xullo daranse a coñecer publicamente os proxectos seleccionados como mellores propostas para os tres eixes recollidos no convenio con CESUGA: a contorna de Trandeiras, o deseño do novo auditorio e o desenvolvemento da identidade visual do municipio.

Un investimento histórico no patrimonio local 

A colaboración con CESUGA chega nun momento clave para o Mosteiro de Trandeiras. Dende o Concello lembraron que a recuperación deste espazo é unha prioridade absoluta. Actualmente, o proxecto atópase ás portas da segunda fase de rehabilitación, sumando un esforzo investidor nos últimos anos que se achega aos dous millóns de euros, en colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A suma destas importantes obras de consolidación xunto coa achega académica e creativa dos estudantes de CESUGA, demostra o compromiso de Xinzo por devolverlle a vida e o protagonismo a un dos enclaves históricos máis importantes da comarca, converténdoo nun motor cultural e turístico para o futuro.