Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

Videovixilancia na Avenida de Celanova: só acceso autorizado para quen viva, traballe ou merque na rúa

  • A medida busca priorizar a seguridade peonil e o uso responsable do vial polos residentes e negocios.

  • Están permitidas tres excepcións: residentes, persoas con negocios e servizos ou clientela autorizada.

  • Os negocios poderán facilitar semanalmente as matrículas dos seus clientes para evitar sancións.

  • O sistema recoñecerá matrículas e sancionará os accesos non autorizados con multas de ata 80 euros.

Unha das sinais no acceso ao vial de servizo na Avenida de Celanova
Unha das sinais no acceso ao vial de servizo na Avenida de Celanova

Xinzo de Limia, 11 de abril de 2025. O Concello de Xinzo de Limia continúa traballando na mellora da mobilidade urbana, especialmente co obxectivo de garantir a seguridade e o respecto aos espazos reservados para residentes. A última medida neste sentido foi a instalación dun sistema de cámaras de videovixilancia no vial de servizo situado no primeiro tramo da Avenida de Celanova, un espazo de acceso exclusivo para residentes e usuarios autorizados. Durante o período de adaptación as cámaras non sancionarán as infraccións que detecten. Informarase á veciñanza antes de que isto ocorra. 

A medida busca ordenar o tránsito nunha zona cun alto volume de vehículos e facilitar o desprazamento seguro dos peóns, así como preservar a tranquilidade das persoas que residen ou traballan neste ámbito.

Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade, Ramón Gómez, “non se trata dunha medida recadatoria, senón dunha acción en positivo para mellorar a mobilidade e garantir que este tipo de vías cumpren coa súa función, que non é outra que facilitar a vida dos veciños e veciñas da zona”.

O sistema contempla tres tipos de usos autorizados para acceder ao vial:

  1. Residentes: persoas que vivan en calquera dos dous lados da avenida, xa sexa por empadroamento, titularidade dun inmoble ou mediante facturas que xustifiquen a súa residencia efectiva.

  2. Negocios e actividades profesionais: tanto os titulares de establecementos situados na zona como os seus empregados e vehículos profesionais poderán acceder sen penalizacións.

  3. Servizos e clientela: tamén estarán permitidos os accesos puntuais de servizos (como empresas de mudanzas, reparto de material, etc.) e os clientes que acudan a calquera dos negocios da rúa. Nestes casos, os propios establecementos serán os encargados de anotar as matrículas das persoas que acudan, remitindo semanalmente a relación para evitar posibles sancións.

Aquelas persoas que cumpran algún dos primeiros supostos deberán dar de alta a matrícula do seu vehículo no rexistro do Concello, ben de xeito presencial ou telemático a través dunha instancia xeral aportando a documentación que o acredite.

As cámaras de videovixilancia funcionarán de forma automática, e o sistema sancionará exclusivamente os accesos non autorizados. O importe da multa será de 80 euros, cunha redución por pronto pago que a deixa en 40 euros.

Queremos que Xinzo sexa unha vila cómoda para vivir e traballar, e por iso é importante que os espazos destinados a residentes e autorizados se respecten. Esta medida vai nesa liña, igual que as que xa temos en marcha noutras zonas como a estación de autobuses”, engadiu Ramón Gómez.