Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

Xinzo debuxa o seu novo Auditorio: o Concello e CESUGA presentan as propostas do alumnado

  • O Salón de Plenos acolleu este xoves o acto oficial de presentación, que continuou coa inauguración dunha mostra de maquetas na Casa da Cultura, aberta durante todo o mes de abril.

  • As iniciativas froito deste convenio para a nova identidade visual e a posta en valor do Mosteiro de Trandeiras daranse a coñecer nos meses de maio e xuño, respectivamente.

  • O alcalde, Amador Díaz, incidiu na profunda transformación que está a vivir Xinzo na actualidade e agradeceu aos estudantes poñer a súa creatividade ao servizo do municipio.

O alcalde Amador Díaz e un grupo de alumnos visionando as infografías do futuro auditorio.
O alcalde Amador Díaz e un grupo de alumnos visionando as infografías do futuro auditorio.

Xinzo de Limia, 9 de abril de 2026.- O Concello de Xinzo de Limia acolleu este xoves a presentación oficial das propostas elaboradas polo alumnado do Grao en Arquitectura do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) para saldar unha débeda histórica coa cultura local: o deseño do futuro Auditorio Municipal e a reurbanización da contorna do antigo campo da feira.

O evento institucional contou coa intervención do alcalde de Xinzo, Amador Díaz Penín; o presidente de CESUGA, Venancio Salcines Cristal; a directora do Grao en Arquitectura, Silvia Blanco Agüeira, e os verdadeiros protagonistas da xornada: os cinco grupos de alumnos e alumnas que expuxeron publicamente as súas ideas e maquetas.

Presentación institucional dos traballos feitos polo alumnado de CESUGA.
Presentación institucional dos traballos feitos polo alumnado de CESUGA.

Esta presentación é o primeiro gran froito visible do convenio de colaboración asinado entre ambas as institucións, unha alianza que, en palabras do alcalde, nace coa idea de "unir as necesidades da nosa vila co talento e a innovación da universidade". Este acordo supón unha simbiose perfecta: achega ideas arquitectónicas de vangarda á vila mentres os estudantes se enfrontan a un reto urbanístico e social real.

A filosofía do goberno local con esta iniciativa vai en consonancia co momento clave que atravesa o municipio. Durante a súa intervención, Amador Díaz incidiu na profunda transformación que está a vivir Xinzo na actualidade, unha evolución urbanística e social que aposta polo talento novo e as ideas frescas. Neste senso, o rexedor quixo agradecer o esforzo do alumnado e o alto nivel dos proxectos presentados para imaxinar o Xinzo do futuro: "Estou sinceramente impresionado coa calidade das propostas; grazas por poñer a vosa creatividade e innovación ao servizo de Xinzo", remarcou.

Pola súa banda, o presidente de CESUGA, Venancio Salcines, subliñou que “hoxe non presentamos maquetas: presentamos miradas. Cinco maneiras de entender como Xinzo quere encontrarse consigo mesma”. Na mesma liña, engadiu que “a arquitectura só ten sentido cando escoita ao territorio, e os nosos estudantes souberon escoitar a Xinzo con unha sensibilidade extraordinaria”. Para pechar a súa intervención, Salcines concluíu que “este proxecto demostra algo esencial: cando universidade e comunidade traballan xuntas, o futuro deixa de ser unha incógnita e comeza a ser unha construción compartida”.

Unha vez finalizadas as presentacións teóricas no Concello, as autoridades, o equipo académico e os asistentes desprazáronse xuntos ata a Casa da Cultura para inaugurar a exposición física. Neste espazo pódense ver de preto as maquetas, infografías e lonas expositivas. A mostra quedará aberta ao público durante todo o mes de abril para que a veciñanza poida visitala con calma e analizar os detalles de cada proposta.

Público asistente á presentación.
Público asistente á presentación.

Finalmente, o Concello avanzou que o traballo conxunto con CESUGA continuará dando os seus froitos a curto prazo con novos retos estratéxicos que afondarán nesta transformación local. Así, os proxectos para renovar a marca e a identidade visual do municipio presentaranse publicamente no mes de maio, mentres que as propostas para protexer e darlle unha nova vida ao patrimonio do Mosteiro de Trandeiras verán a luz no mes de xuño.