Xinzo de Limia Plenos

150.000 € máis para a axuda no fogar en Xinzo e novas obras no rural ata fin de ano

  • Impulso aos coidados con 150.000 € extra para avanzar cara á lista de agarda cero no SAF

  • Auga e saneamento actualizados co IPC e nova tarifa por fugas para evitar “sustos” nas facturas

  • Obras no rural en Pena, Soutelo de Pena e Ganade ata fin de ano para mellorar accesos e vías

  • Unanimidade para instar á Deputación a activar a planta de valorización de Morgade

  • O reforzo do SAF apróbase co voto en contra do BNG

Pleno Ordinario 07-11-2025
Pleno Ordinario 07-11-2025

Xinzo de Limia, venres, 7 de novembro de 2025. O Pleno da Corporación aprobou unha inxección extraordinaria de 150.000 € para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con cargo a remanentes, co obxectivo de ampliar cobertura e reducir tempos de espera. A proposta saíu adiante coa maioría da Corporación, a pesares do voto en contra do BNG. O alcalde, Amador Díaz, salientou que “logo de formalizar o maior contrato do SAF que lembramos, engadimos 150.000 € para avanzar cara a unha lista de agarda cero, situando os coidados no centro e garantindo unha atención digna a quen a precisa”.

No ámbito de auga e saneamento, o Pleno deu aprobación provisional á actualización conforme ao IPC da ordenanza de sumidoiros e depuración e á actualización conforme ao IPC da ordenanza de subministración de auga, que incorpora ademais unha tarifa especial por fugas para evitar facturas desproporcionadas cando se produzan perdas por avarías. En ambos puntos o PSOE abstívose e o resto dos grupos votaron a favor; as ordenanzas pasarán agora ao período de exposición pública nos prazos regulamentarios.

Durante a sesión, o Concello anunciou obras para o que resta de 2025 por máis de 150.000 € en núcleos rurais, entre elas unha pista en Pena, o acceso e núcleo de Soutelo de Pena e diversas rúas en Ganade, continuando coa mellora de infraestruturas no territorio.

Ademais, aprobouse por unanimidade a moción que insta á Deputación de Ourense a poñer en funcionamento a planta de valorización de residuos de construción de Morgade, unha infraestrutura en desuso cuxa activación contribuirá a combater os vertidos incontrolados en montes e pistas. O alcalde comprometeuse a trasladar persoalmente esta petición ao presidente provincial.