O Concello de Xinzo anuncia que o Plan de Axuste finalizará en 2028, catro anos antes do previsto
-
O Pleno aproba un orzamento de 9 millóns de euros marcado pola contención do gasto, pero que garante un investimento social histórico no Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
-
O alcalde, Amador Díaz, defende a xestión do goberno local: "Malia a pouca marxe de manobra, en 2025 executamos obras por valor de 2,2 millóns de euros grazas á captación de fondos doutras administracións".
Xinzo de Limia, 5 de febreiro de 2026.- O Pleno da Corporación de Xinzo de Limia aprobou este xoves os orzamentos municipais para o ano 2026, unhas contas que ascenden aos 9 millóns de euros (un 1% máis que no exercicio anterior) e que veñen marcadas por unha noticia de gran calado económico para o futuro da vila: o adianto do fin do Plan de Axuste.
Ao remate da sesión, o alcalde, Amador Díaz, anunciou que, grazas á rigorosa xestión económica, o Concello conseguirá levantar as restricións do Plan de Axuste no ano 2028, adiantando en catro anos a data inicial prevista (2032). Segundo explicou o rexedor, ao finalizar este exercicio 2026, a débeda municipal situarase en tan só un millón de euros.
Este fito é posible grazas ao esforzo realizado no último ano, no que se conseguiron aforrar e amortizar 300.000 euros extra por riba do previsto. "Estamos a facer un esforzo titánico para sanear o Concello. Os datos están aí: reducimos a débeda a un ritmo moito maior do esixido para recuperar a autonomía financeira canto antes", subliñou Díaz.
Orzamentos realistas e investimento social As contas aprobadas hoxe, cos votos en contra de BNG e PSdeG, reflicten a realidade dun concello aínda sometido a intervención financeira. O capítulo de persoal absorbe o 55,15% do total, mentres que os investimentos reais con fondos propios quedan en 170.000 euros (1,88%).
Non obstante, o alcalde defendeu a capacidade de xestión do goberno local para superar estas limitacións: "Os orzamentos son os que son, non temos marxe de manobra, pero iso non significa que Xinzo estea parado. Ao contrario, no ano 2025 executáronse obras por valor de 2,2 millóns de euros, o que demostra un gran traballo de xestión para captar fondos doutras administracións".
Ademais, as contas poñen o acento no gasto social, blindando e aumentando as partidas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que acada cifras récord para garantir a atención aos maiores. O rexedor tamén adiantou que se segue traballando intensamente na atracción de novas empresas para a ampliación do polígono industrial.
Reforzo da Policía Local Noutro punto da orde do día, a corporación aprobou por unanimidade a renovación do convenio para delegar na Xunta de Galicia os procesos de selección da Policía Local. O obxectivo desta medida é axilizar os trámites administrativos e burocráticos para que o Concello poida sacar varias prazas e cubrir as vacantes do corpo de seguridade coa maior brevidade posible.