Xinzo de Limia Plenos

O Pleno de Xinzo aproba por unanimidade a segunda fase para Trandeiras e a solicitude de Interese Turístico para a Festa do Esquecemento

    - A corporación municipal inicia o expediente de honra para Xosé Manuel García Lorenzo, director do CEIP Rosalía de Castro.

    - No apartado de rogos e preguntas, o alcalde anunciou o arranxo de 67 quilómetros de pistas de concentración.

Sesión plenaria no Concello de Xinzo de Limia, o 26/06/2026.
Sesión plenaria no Concello de Xinzo de Limia, o 26/06/2026.

Xinzo de Limia, 26 de xuño de 2026.- O Concello de Xinzo de Limia celebrou este venres a súa sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xuño, na que a totalidade dos grupos políticos amosaron unha sintonía positiva ao aprobar por unanimidade todos os puntos da orde do día da parte resolutiva.

No eido do patrimonio, a corporación deu luz verde definitiva á Fase 2 do proxecto de posta en valor das infraestruturas hidráulicas e mellora da accesibilidade no Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, unha importante actuación que se executa grazas a un convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). Esta fase do plan, prevista en tres anualidades (2025, 2026 e 2027), contará cunha achega económica por parte do Concello de 138.000 euros. O alcalde, Amador Díaz, salientou que se executará un percorrido completo para mellorar a experiencia dos visitantes e lembrou que o Concello segue a traballar arreo en novas ideas de cara a futuros procesos na contorna do mosteiro, poñendo como exemplo as propostas de futuro aportadas a través do convenio co centro CESUGA.

A unanimidade repetiuse no expediente para tramitar formalmente a solicitude ante a Xunta de Galicia para a declaración da Festa do Esquecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia. Todos os grupos da corporación coincidiron en trasladar os seus parabéns e sinceros agradecementos á Asociación Civitas Limicorum e a todas as xuntas directivas que traballaron de xeito incansable ao longo destes máis de 25 anos de traxectoria, reafirmando o fondo arraigo popular que a festa posúe en Xinzo. A sesión contou coa intervención en pleno de Lucía Martínez, graduada en Historia pola USC e unha das autoras encargadas de elaborar os rigorosos informes históricos complementarios integrados no dossier da candidatura.

Na mesma orde de recoñecementos, o Pleno aprobou o inicio do expediente de honra a Don Xosé Manuel García Lorenzo, quen abandona a dirección do CEIP Rosalía de Castro tras 15 anos á fronte do centro. A corporación eloxiou en bloque a súa traxectoria caracterizada polo labor de innovación pedagóxica, a activa participación social, a humildade e a súa total dedicación á comunidade educativa local.

 

Fóra da orde do día resolutiva, no apartado de rogos e preguntas, o alcalde Amador Díaz informou de que xa se atopa redactado, a expensas de recibir os correspondentes permisos sectoriais, o proxecto para o arranxo de 67 quilómetros de pistas de concentración no municipio.