Xinzo cede unha vivenda a Limisi e garante o SAF nun pleno de marcado carácter social
Xinzo de Limia, 18 de decembro de 2025.- O Concello de Xinzo celebrou esta mañá unha sesión plenaria onde os puntos principais da orde do día estiveron centrados na atención á diversidade funcional, o coidado dos maiores e a recuperación do patrimonio histórico. O alcalde de Xinzo quixo destacar o ton da sesión sinalando que “neste goberno temos claro que as persoas son o primeiro e a prioridade absoluta de cada paso que damos. Hoxe consolidamos recursos para quen máis o necesita: desde un fogar para a inclusión ata a garantía de coidado para os nosos maiores”.
Un dos acordos máis relevantes foi a aprobación, por unanimidade de todos os grupos, da cesión gratuíta dun ben patrimonial á Asociación Limisi. Trátase dunha vivenda situada en Morgade, cuxa propiedade foi recuperada polo Concello hai meses e que o goberno local pon agora a disposición da entidade. O obxectivo é levar a cabo unha rehabilitación integral e crear un espazo totalmente adaptado e útil para as persoas usuarias, avanzando na inclusión real na comarca.
No tocante á atención aos maiores, o pleno aprobou a prórroga e ampliación necesaria do crédito para o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Esta medida busca cubrir todas as horas de atención mentres se tramita a nova licitación para 2026 —xa en curso por un importe de 776.140€— e garantir que ningunha persoa usuaria quede sen servizo durante a transición. Cabe lembrar que en Xinzo residen case 3.000 persoas maiores de 65 anos. A pesar da importancia de blindar esta prórroga da prestación, o punto contou co voto en contra do BNG.
Finalmente, no eido cultural, aceptouse tamén por unanimidade a doazón do fondo documental da familia Enríquez Cadórniga. O Concello procederá agora á súa catalogación e desglose para arquivalo debidamente, co obxectivo de poñelo a disposición de toda a veciñanza e investigadores, permitindo así seguir estudando e coñecendo a historia da vila.