Xinzo de Limia Plenos

Xinzo de Limia prepárase para a apertura da nova Praza de Abastos este verán coa aprobación das súas novas taxas

O Pleno ordinario tamén deu luz verde a unha modificación de crédito de 924.000 euros procedentes do remanente para novos investimentos, como a ampliación do cemiterio e o mantemento de rúas.
Pleno ordinario do 31/03/2026.
Pleno ordinario do 31/03/2026.

Xinzo de Limia, 31 de marzo de 2026. O Concello de Xinzo de Limia celebrou na mañá de hoxe o seu Pleno ordinario, no que se abordaron cuestións fundamentais para o desenvolvemento económico e urbanístico da vila. O punto central da sesión foi a aprobación inicial da modificación da Ordenanza fiscal nº 18, que regula as taxas polo servizo do futuro Mercado de Abastos, cuxas obras avanzan a bo ritmo co obxectivo de que abra as súas portas no vindeiro verán.

Esta medida supón a actualización dunhas taxas que levaban moitos anos sen revisarse, adaptándoas á lei vixente e equiparándoas ás doutros mercados de características similares. O novo espazo contará con 12 postos destinados a carnicerías, froiterías, peixerías, hostalaría, unha tapería e un espazo non alimentario.

O prezo mensual estipulouse en 90 euros para os postos con cámara de frío e de 70,80 euros para os que non dispoñan dela. Ademais, establécese un canon de entrada de 1.089 euros para unha concesión de 10 anos, que se poderá abonar entre as dúas primeiras anualidades. O goberno local destacou que a nova Praza de Abastos é "unha aposta decidida para darlle vida ao centro de Xinzo, impulsar o comercio local, favorecer a economía circular e potenciar os produtos de proximidade".

Inxección de 924.000 euros para obras e cultura

Outro dos acordos destacados foi a aprobación dunha modificación de crédito por valor de 924.000 euros, procedentes de fluxo de caixa que agora se destinarán a novos investimentos. Desta contía, 140.000 euros irán para a área de cultura e 766.000 euros para mantemento e infraestruturas.

O alcalde, Amador Díaz Penín, subliñou que esta inxección económica permitirá ao Concello priorizar actuacións moi demandadas. "Un exemplo é a compra dos terreos para a ampliación do cemiterio; tras o anuncio de que se faría, xa foron moitas as persoas que solicitaron un espazo", explicou o rexedor, quen engadiu que tamén se fará un forte fincapé no mantemento necesario de rúas e beirarrúas. (O punto aprobouse coa abstención da oposición).

Avances na N-525 e a presa de Gudín

Por unanimidade, a Corporación aprobou a posta a disposición do Ministerio de Transportes dos terreos adquiridos polo Concello para a execución da humanización e vías peonís e ciclistas na N-525 (Avenida de Madrid). As obras, cuxo remate está previsto para o 30 de xuño deste ano, seguen o seu curso. Neste punto, o alcalde quixo agradecer persoalmente o labor do concelleiro de Obras para solventar dilixentemente as numerosas eivas xurdidas. Na quenda de rogos e preguntas, o propio concelleiro explicou que o Concello está a achegar fondos propios para emendar deficiencias que non estaban no proxecto orixinal, como melloras no saneamento, abastecemento, iluminación e o sistema de rego das xardineiras.

Tamén por unanimidade aprobouse a prórroga (2026-2027) do convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Silpara a demolición da presa de Gudín no río Faramontaos, unha obra de 1,2 millóns de euros na que o Concello achegará 12.500 euros este ano e 9.500 euros no 2027 para o remate do proxecto, cumprindo cos seus compromisos tras abonar 134.000 euros no exercicio pasado.

No apartado social, o Pleno aprobou por unanimidade dúas mocións presentadas polo grupo socialista: unha en defensa da paz e do Dereito Internacional, e outra para avanzar na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas de saúde en Galicia.

Prevención de incendios e chan industrial

Na recta final do Pleno, o goberno local informou dos traballos preventivos contra incendios. O Concello xa conta cun tractor limpando pistas e devasas de forma progresiva nas zonas máis próximas ao monte (Seoane, Faramontaos, Damil, etc.). Avanzouse que proximamente se enviarán as cartas recordando a obrigatoriedade de limpar as propiedades privadas. Ademais, o Concello solicitou formalmente que todos os núcleos do municipio sexan declarados "zonas de prioridade" contra incendios (actualmente só o son Xinzo e Baronzás) para poder acollerse a máis métodos e axudas de prevención.

Por último, en canto á ampliación do Parque Empresarial, explicouse que se está á espera da súa recepción oficial. O Concello xa trasladou á entidade correspondente as deficiencias detectadas (como problemas no alumeado) e, en canto se solucionen, recepcionaranse as obras para poñer a disposición das empresas o novo chan industrial.

Foto de familia: corporación local e universitarios mexicanos.
Foto de familia: corporación local e universitarios mexicanos.

Como nota destacada da xornada, o Pleno contou coa asistencia como oíntes dunha delegación de estudantes de México que se atopa pasando estes días na vila. Ao remate da sesión plenaria, toda a corporación municipal aproveitou a ocasión para facer unha foto de familia xunto á delegación mexicana.