Amador Díaz expón en México o modelo de transformación urbana de Xinzo nun foro internacional avalado pola ONU
Xinzo de Limia, 28 de novembro de 2025. – O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz Penin, vén de regresar de México tras representar ao municipio no Seminario Internacional sobre Innovación en Gobernos Locais, un encontro de alto nivel celebrado en San Mateo Atenco os días 24 e 25 de novembro. A participación do rexedor produciuse no marco dun evento organizado polo Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da ONU (UNDESA) e que contou coa colaboración da Federación Latinoamericana de Cidades, Municipios e Asociacións de Gobernos Locais (FLACMA).
Amador Díaz interveu como relator na sesión dedicada á innovación e a transformación dixital para a prestación de servizos públicos, onde compartiu mesa de debate con altos cargos de organismos internacionais. Durante a súa exposición, o alcalde trasladou a experiencia de Xinzo de Limia na modernización do municipio, destacando como eixo central a implantación das novas tecnoloxías, cunha especial atención á súa aplicación estratéxica no eido do sector primario, piar fundamental da economía da comarca.
Na súa intervención, o rexedor explicou como esta aposta tecnolóxica convive coa defensa das raíces e a identidade da vila. Díaz puxo en valor a riqueza da cultura local como motor de dinamización, facendo un fincapé moi especial na relevancia do Entroido, presentándoo ante os mandatarios internacionais non só como unha tradición, senón como un elemento singular de proxección exterior e cohesión social.
A axenda da viaxe permitiu tamén ao alcalde manter diversas reunións bilaterais con representantes locais latinoamericanos ao longo das xornadas, co fin de intercambiar boas prácticas e explorar futuras colaboracións técnicas en ámbitos clave para o desenvolvemento de Xinzo, como son a dinamización económica e a cultura. Esta presenza institucional serviu para posicionar a Xinzo en redes de cooperación internacional e aliñar a estratexia municipal cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), recollendo experiencias que o Goberno local integrará agora no seguimento das súas políticas públicas.