Xinzo de Limia Portadas

Os concellos da Limia fan fronte común e solicitan unha reunión urxente coa Xunta ante os estragos dos temporais

  • A comarca únese para reclamar o apoio decidido das administracións superiores nunha reconstrución cuxas axudas solicitadas ao Estado xa superan os 4 millóns de euros.

Reunión deste luns 9 de marzo no Concello de Xinzo de Limia.
Reunión deste luns 9 de marzo no Concello de Xinzo de Limia.

Xinzo de Limia, 10 de marzo de 2026.- Os alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia mantiveron este luns unha reunión de urxencia no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia para acordar unha unidade de acción sen fisuras. O obxectivo deste encontro foi establecer unha estratexia conxunta para conseguir os fondos necesarios para a recuperación das infraestruturas afectadas pola sucesión de temporais e as chuvias abondosas das últimas semanas.

O principal acordo acadado nesta xuntanza é a solicitude dunha reunión urxente co presidente da Xunta de Galicia. Os rexedores consideran imprescindible que o Goberno galego se involucre directamente no financiamento da reconstrución, dado que a magnitude dos estragos sobrepasa a capacidade orzamentaria dos concellos da zona.

O financiamento estatal, insuficiente

A maioría dos concellos da comarca xa iniciaron os trámites para acollerse ao plan de axudas do Goberno do Estado, cuxas valoracións técnicas superan xa os 4 millóns de euros no conxunto da Limia. Con todo, estas solicitudes están limitadas a un máximo do 50% do custo das actuacións.

Os alcaldes denuncian que esta porcentaxe queda moi curta para a realidade do rural, onde os concellos non poden asumir a outra metade do investimento sen comprometer seriamente a súa estabilidade financeira. Por este motivo, o fronte común estenderá tamén as súas demandas á Deputación de Ourense, buscando unha implicación coordinada das tres administracións que evite a asfixia das arcas municipais.

Amador Díaz, intervindo na reunión de alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia.
Amador Díaz, intervindo na reunión de alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia.

Ampliación do fronte común comarcal

Na xuntanza fíxose fincapé en que os danos en pistas, accesos e infraestruturas públicas afectan por igual a todo o territorio. Por iso, o grupo de traballo celebrou a incorporación de novos municipios a esta estratexia reivindicativa, consolidando un bloque sólido que representa á práctica totalidade da comarca.

A fronte común de concellos está integrada por:

  • Baltar

  • Calvos de Randín

  • Os Blancos

  • Porqueira

  • Rairiz de Veiga

  • Sandiás

  • Sarreaus

  • Trasmiras

  • Vilar de Barrio

  • Vilar de Santos

  • Xinzo de Limia

  • Xunqueira de Ambía

A Limia fala hoxe cunha soa voz para esixir que a Xunta de Galicia recoñeza a gravidade da situación e actúe de xeito urxente para garantir a seguridade e a mobilidade de toda a veciñanza.