O III Patapas estrea formato compacto na ponte de decembro e reparte 3.000 € en vales para o comercio local
O Concello de Xinzo de Limia, contando coa colaboración da IXP Pataca de Galicia, pon en marcha unha nova edición do Patapas, que se celebrará entre o xoves 4 e o luns 8 de decembro. Esta iniciativa, consolidada como unha cita imprescindible para exaltar a gastronomía local e o produto estrela da comarca, regresa este ano cunha novidade estratéxica, apostando por un formato intensivo concentrado integramente nos cinco días da ponte festiva.
Tras a coordinación co sector, decidiuse implantar este modelo máis compacto para adaptarse mellor ao calendario e optimizar o fluxo de público. A concentración do evento nestas cinco xornadas consecutivas ten como obxectivo dinamizar a hostalaría e facilitar que tanto a veciñanza como os visitantes poidan completar as súas tarxetas nunha única ponte, gozando da ruta sen interrupcións e favorecendo a rotación nos establecementos.
Para incentivar a participación, o Concello destina unha partida récord de 3.000 euros en máis de 25 premios, con catro premios de 250€ e cinco de 200€. Nunha clara aposta pola economía circular, estes importes repartiranse en forma de vales de compra para canxear no propio comercio local, garantindo así que o retorno económico e o beneficio da iniciativa repercutan de volta no tecido empresarial da vila.
Os establecementos participantes no III Patapas son: A de Torino, 5 Rutas, La Central Heladera, Meigallo, Monforte, Parque, Río Salas e Rosalía.