Unanimidade para reclamar respecto ao topónimo Xinzo de Limia
-
A Festa do Esquecemento busca o distintivo de Interese Turístico de Galicia no seu 25 aniversario
-
O Concello asume a xestión das augas de Gudín para garantir o seu uso seguro e continuado polos veciños
-
A declaración como zona vulnerable non afectará negativamente ao noso sector, segundo apuntou o alcalde no Pleno

Xinzo de Limia, 10 de abril de 2025. O Pleno da Corporación Municipal de Xinzo de Limia comezou hoxe cun minuto de silencio en sinal de repulsa polo asasinato machista ocorrido o pasado domingo no concello de O Bolo. Entre os acordos adoptados, destaca a reiteración da solicitude para que a Festa do Esquecemento sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia, coincidindo este ano co seu 25 aniversario. A proposta foi presentada pola asociación organizadora, Civitas Limicorum, o pasado 1 de abril, e contou co voto favorable de todos os grupos municipais. Xa no ano 2023 se tentara este recoñecemento, e neste novo intento púxose en valor o papel do Esquecemento como evento de referencia cultural e económica para Xinzo de Limia.
Tamén por unanimidade se aprobou a bonificación do ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) para a instalación dun ascensor no CEIP Carlos Casares. Trátase dunha redución fiscal prevista na ordenanzas municipais para determinados supostos, como é o caso desta actuación de mellora da accesibilidade nun centro educativo público.
Outro dos asuntos aprobados foi a asunción por parte do Concello do aproveitamento de augas da comunidade de usuarios de Gudín por un período de 20 anos, conforme á autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS). Ata o de agora, a subministración era xestionada polos propios veciños, mais a partir de agora será responsabilidade do Concello, que instalará sistemas de cloración para garantir a potabilidade e que a veciñanza poida continuar empregando esta auga con todas as garantías.
No relativo á moción sobre a declaración de Xinzo como zona vulnerable por nitratos, aprobada por unanimidade, o alcalde Amador Díaz destacou que “esta declaración non debe converterse nun prexuízo para os agricultores e gandeiros”. Segundo explicou, as prácticas actuais de abonado conteñen niveis de nitratos moi por debaixo dos límites que establecería o hipotético decreto, polo que non debería haber consecuencias negativas para o sector. En calquera caso, seguirase traballando para garantir que a declaración sirva para mellorar sen penalizar.
No ámbito económico, o pleno aprobou unha modificación de crédito de 955.000 euros con cargo ao remanente de tesouraría do exercicio 2024, que permitirá financiar distintas actuacións en obras, infraestruturas, deporte, cultura e outras necesidades. Unha parte dese importe, concretamente 300.000 €, destinarase á amortización do Plan de Axuste. A proposta foi aprobada cos votos do grupo de goberno e a abstención dos grupos da oposición.
Finalmente, fóra da orde do día, a Corporación presentou de maneira conxunta unha moción urxente para instar a todas as administracións competentes a respectar o topónimo oficial de Xinzo de Limia (Ourense). Esta petición prodúcese despois de que un décimo de lotería estatal fixese referencia á vila como “Ginzo de Limia (Orense)”, incumprindo a normativa vixente sobre nomes oficiais. A moción solicita, ademais, que se traslade esta demanda á Xunta de Galicia para que medie diante do Ministerio e da Sociedad Estatal Loterías y Apuestas del Estado, esixindo rectificacións, desculpas e garantías para evitar que isto se repita.