Xinzo de Limia Portadas

Xinzo celebra a VI Feira do Comercio con 23 establecementos e actividades para toda a familia

Presentación da VI Feira do Comercio de Xinzo de Limia
Presentación da VI Feira do Comercio de Xinzo de Limia

O Concello de Xinzo de Limia, en colaboración coa Asociación de Comerciantes ProLimia, organiza os días 29, 30 e 31 de agosto a VI Feira do Comercio, unha cita xa consolidada no calendario local que busca dinamizar o tecido económico da vila e ofrecer á veciñanza e visitantes un programa cheo de actividades para todas as idades.

O evento celebrarase no Pavillón de Deportes de Xinzo, que se converterá durante tres días nun gran escaparate do comercio local. Un total de 23 establecementos amosarán as súas mellores propostas en moda, deporte, zapatería, decoración, agasallos, artigos infantís e moito máis.

“Esta feira é unha oportunidade para apoiar aos nosos comerciantes e descubrir todo o que Xinzo pode ofrecer sen saír da vila. Queremos poñer en valor o traballo e esforzo do pequeno comercio, que dá vida ás nosas rúas e xera emprego no noso concello”, destacou o alcalde Amador Díaz.

 

Programa diverso para atraer a todas as idades

Ademais da oferta comercial, a feira contará cun amplo programa paralelo de animación, pensado para dinamizar o evento e atraer público diverso:

  • Obradoiros creativos de arcilla, barro e xoias.

  • Actividades infantís con inchables e pintacaras.

  • Sesións vermú amenizadas con música e pinchos.

  • Sorteos exprés con vales de compra para consumir nos negocios participantes.

  • Un gran sorteo final dun viaxe para dúas persoas, entre todas as compras realizadas durante a feira.

“Queremos que sexa unha experiencia completa: comprar, probar novos produtos, gozar en familia e divertirse coas actividades que temos preparadas. O comercio local é sinónimo de proximidade e confianza, e con esta feira queremos que todo o mundo poida comprobalo”, sinalou a presidenta de ProLimia, entidade organizadora.

 

Inauguración oficial

A inauguración da feira terá lugar o venres 29 ás 12:00 horas no Pavillón de Deportes de Xinzo, coa presenza das autoridades locais e da organización.

Durante tres días, Xinzo volverá demostrar que o seu comercio local está máis vivo ca nunca, ofrecendo unha ampla variedade de produtos, actividades e propostas para todas as persoas que se acheguen.

VI Feira do Comercio PROLIMIA
VI Feira do Comercio PROLIMIA