Xinzo de Limia

ESTRATEXIAS PARA A SAÚDE LOCAL EN XINZO DE LIMIA

Ángeles Martínez e Carlos Gómez reúnense coa Directora Xeral para analizar o Plan de Saúde

Os concelleiros mantiveron este mércores unha reunión na Consellería de Sanidade, en Santiago, con Sofía López Linares, Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Xunta de Galicia.
Carlos Gómez e Ángeles Martínez na Consellería de Sanidade
Carlos Gómez e Ángeles Martínez na Consellería de Sanidade

Xinzo de Limia, a 06 de xullo de 2023. Este mércores, Ángeles Martinez Marra, Concelleira de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade de Xinzo de Limia, e Carlos Gomez, segundo tenente de Alcalde e Concelleiro de Relacións Institucionais, mantiveron unha reunión en Santiago de Compostela con Sofia López Linares, Directora Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Xunta de Galícia. A reunión, que durou preto dunha hora, centrouse no desenvolvemento do Plan Local de Saúde de Xinzo de Limia para o período 2022/2025.

Durante o encontro tratáronse aspectos concretos do Plan Local de Saúde, como as actividades de promoción da saúde, que se coordinan co Concello para atender os problemas máis habituais da poboación. Tamén se debateron as diversas necesidades do servizo.

Nas próximas datas, a responsable da área de Servizos Sociais e Saúde do Concello, ten previsto reunirse coa Coordinadora de Enfermaría e co Xefe de Servizo do SAP de Xinzo para coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas.

Os Plans de Saúde Local, nos que Xinzo de Limia está incluído entre os primeiros 14 concellos adheridos, foron implementados pola Xunta de Galicia en Abril do 2022 para organizar os centros de saúde con máis autonomía, atendendo ós problemas de saúde máis habituais da poboación que atenden.

Ademais, a reunión tamén contou coa participación de Dolores Rico, Coordinadora da Escola Rural de Saúde da Limia, quen informou á Directora Xeral sobre o traballo desenvolto por este colectivo a favor da saúde rural na nosa comarca. A Directora mostrou gran interese polos programas en marcha e a poboación atendida que participa nos distintos proxectos expostos.