Xinzo de Limia

Unha nova educación á vista: Rebelión Docente chega a Xinzo o 19 de outubro

  • A xornada céntrase en promover unha educación máis humana, baseada no xogo e o desenvolvemento emocional.

  • Inma Jardón e un equipo de expertos propoñen un novo enfoque educativo centrado no respecto e a neuroeducación.

Cartel Rebelión Docente
Cartel Rebelión Docente

Xinzo de Limia, a 27 de setembro de 2024. O vindeiro 19 de outubro, Xinzo de Limia converterase no escenario dunha xornada educativa pioneira baixo o título “Rebelión Docente”. A iniciativa, dirixida a docentes, futuros mestres, educadoras e familias, está centrada en promover un cambio significativo no ámbito da educación infantil e primaria (0-12 anos). O evento contará coa participación de recoñecidos profesionais da educación e será coordinado por Inma Jardón, mestra e pedagoga natural da Limia.

“Rebelión Docente” diríxese a todas aquelas persoas interesadas en transformar o modelo educativo actual, fomentando unha maior atención á intelixencia emocional, ó xogo, ó grafismo creativo e a unha educación respectuosa. O obxectivo da xornada é crear un espazo de reflexión e aprendizaxe que impulse novas prácticas educativas, facendo fincapé na importancia da psicoloxía e a neuroeducación no proceso de ensinanza.

A xornada estará liderada por Inma Jardón Rivero, natural da Limia, mestra de educación infantil e primaria, pedagoga e Máster en Necesidades Educativas e Atención Temperá. Jardón é tamén autora do álbum ilustrado infantil “¿De qué trata el amor?”, e coñecida defensora de métodos educativos baseados no desenvolvemento da intelixencia emocional e o xogo. Ademais, é fundadora e creadora de contido no popular perfil de Instagram @a_profe_inne, onde comparte recursos e ideas innovadoras para mestres e familias.

Inma Jardón destaca que a xornada é unha oportunidade para todos aqueles que queren apostar por unha educación máis respectuosa e adaptada ás necesidades dos nenos e nenas de hoxe en día: “A educación ten que evolucionar ao mesmo tempo que a sociedade. Este evento é unha chamada á reflexión e á acción, onde propoñeremos ideas e ferramentas para que a educación sexa máis humana e atenta ao desenvolvemento integral do alumnado.

A xornada celebrarase o 19 de outubro en Xinzo de Limia, e está aberta a mestres, estudantes de maxisterio, educadoras, pedagogos e familias con interese en mellorar a educación infantil e primaria. O proceso de inscrición está en marcha nas súas redes sociais. 

Programación
Programación
Participantes
Participantes