Xinzo de Limia

VALORACIÓN DA II EDICIÓN DO PROGRAMA HYPATIA

Despois da celebración da II edición do Programa Hypatia de xestión compartida entre os Concellos de Xinzo de Limia, Sandiás e Vilar de Barrio toca o memento dunha breve valoración.

Por unha banda, hai que destacar a elevada participación de mulleres dos tres concellos aínda que, como era previsible, houbo unha participación maior de mulleres do Concello de Xinzo de Limia que este ano ampliou os talleres tamén ás parroquias de Ganade e Morgade, En Vilar de Barrio, a participación foi variando en función dos lugares de celebración, destacando a presencia de mulleres de Bóveda e Arnuide. En Sandiás, ao igual que o ano pasado, a participación das usuarias foi constante, sempre no centro social do pobo. Hai que sinalar ademais que dado que en Xinzo de Limia se celebraron mais obradoiros, o Programa puxo a disposición das usuarias un servizo de transporte que as levaba e, ao rematar os Obradoiros, as levaba de volta ás súas localidades.

A atención psicolóxica, xurídica e laboral tivo moi boa acollida e algunhas mulleres manifestaron o seu interese en poder seguir sendo atendidas nun servizo destas características. Estas mulleres foron xa derivadas ao CIM de Xinzo de Limia e outras, de feito xa eran usuarias deste servizo. A valoración do recurso foi moi positiva e o feito de dispoñer dun espazo específico no que elas puideron expresar as súas preocupacións, a súa situación persoal e profesional e o seu estado de ánimo foi unánime e positivamente valorado polas usuarias.

O Programa, no que se implicaron os tres equipos de goberno municipais, estivo apoiado polos equipos técnicos de servizos sociais municipais, co que se estivo coordinado permanentemente.

Co persoal do CIM de Xinzo de Limia, que colaborou activamente no bo desenvolvemento do Programa, houbo contacto constante.

As  fontes de información para o seguimento foron indicadores como:

  • Nº mulleres participantes.

  • Participación  nas actividades e asistencia aos Obradoiros.

  • Nº de consultas e asistencias

  • Nº accións de difusión.

  • Impacto en medios e redes sociais.  

O Programa foi sumando participantes que ao tempo actuaron máis entre elas mesmas, coas formadoras e co persoal que prestou a asistencia psicolóxica, xurídica e laboral, que ás veces foi coincidente.

Dado que na Limia hai un número importante de poboación non nacida en España, este feito notouse na participación de mulleres de orixe estranxeira, que participaron tanto nos Obradoiros como nas asistencias personalizadas. Nos Obradoiros de marcado carácter laboral a maioría das asistentes foron mulleres en situación de paro e en búsqueda activa de emprego, algunhas alumnas do Obradoiro de Emprego que nesas datas estaba rematando en Xinzo de Limia e Sandiás. Algunhas inmigrantes tiñan perfís académicos altos e que se atopan coas dificultades de atopar traballo en categorías profesionais acordes coa súa formación e experiencia, case sempre por non ter os títulos convalidados ou por ter dificultades para demostrar a súa vida laboral.

Moitas das mulleres participantes de diferentes idades non tiñan traballado remuneradas nunca e outras querían reincorporarse á vida laboral despois de anos afastadas, fundamentalmente por ter que coidar a persoas de seu entorno. 

Sen dúbida, e á espera dunha valoración a media prazo, o Programa ten un importante impacto nas usuarias, aportando ferramentas para o medre persoal e laboral, mellorando a autoestima, os coidados e o coñecemento de dereitos e recursos.

 

Hypatia